Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

29 de junio de 2011

maltrato educativo

Dende que goberna en Galicia a dereita está a impoñer contínuos recortes nos dereitos sociais e unha merma considerable nos servizos públicos, especialmente graves no eido educativo. Unha política antisocial en toda regra, contraria tamén ás propias recomendacións da UE para que en ningún caso o ensino quede afectado polos recortes orzamentarios en tempos de crise.
Porque a estas alturas do seu mandato unha cousa temos suficientemente clara, Feijóo está empecinado no desprestixio e desmantelamento do ensino público galego.

A primeira das súas medidas foi a supresión da gratuidade dos libros de texto, e as familias teñen tódolos anos que volver a costear os libros de texto dos seus fillos, uns trescentos euros por neno e curso, o maior dos impostos directos sobre un dereito fundamental, precisamente agora que son máis necesarias que nunca as axudas públicas nas debilitadas economías familiares.

Neste tempo de goberno do PP téñense amortizado máis de dous mil prazas de profesores no ensino galego non universitario entre supresións, concursos e xubilacións. Por non falar da anulación de módulos na FP, do peche de escolas rurais e comedores escolares, dos recortes no transporte, da paralización de investimentos educativos e dos drásticos recortes nas partidas dirixidas ó funcionamento e mantemento dos centros públicos escolares.

Para “axudar” máis ás familias traballadoras, no vindeiro curso as garderías públicas dependentes da Xunta subirán os seus prezos nun 27 por cento, uns corenta euros máis ó mes, subidas que tamén repercutirán nos propios comedores, incluso aquelas familias con menos ingresos e máis necesidades, que tiñan o comedor gratis, pasarán a pagar un mínimo de seis euros.

Un goberno de recortes pero tamén de perfectos incapaces, que non fai nin axuda a facer e que se negan, por puro partidismo, a colaborar con concellos como Lugo que con grande esforzo e poucas axudas, xa leva posto en marcha catro escolas infantís na cidade, que atenden a máis de 230 nenos e nenas menores de tres anos, a pesar da indiferenza insolente de Feijóo e o seu goberno, que son os que verdadeiramente teñen as competencias educativas e sociais.

Cantos Lugo non haberá por Galicia adiante, testemuñas sufridoras do desprezo e abandono da dereita máis sectaria e incompetente nunca vista. Moitos xa din que isto non pasaba nin con Fraga.

Recortes en materia de educación que poden comprometer a continuidade de Preescolar na Casa, programa que funciona dende 1977 e atende a máis de 3.500 familias do rural galego, preto de catro mil nenos e nenas menores de tres anos. Un proxecto educativo e social promovido no seu día polo lucense Antonio Gandoy, que hoxe está ameazado dun axuste de persoal innecesario, preludio dun fin inesperado polos inxustos e inxustificados recortes (máis dun 45%) nas axudas que recibe da Xunta de Feijóo.

Agora aparecen cunha pretendida reestruturación no horario lectivo dos mestres. No fondo desta medida non hai máis que unha clara intencionalidade de amortizar preto dun vinte por cento do profesorado actual de infantil e primaria cunha incidencia negativa e directa na calidade educativa. Poderiamos estar a falar do maior ERE encuberto no ensino público galego, coa única intención de aforrar en mestres, aforrar en calidade, aforrar en educación, aforrar en dereitos.

Un retroceso educativo e laboral que se quere impoñer vía decreto, sen diálogo nin consenso, pasando amplamente de representantes e representados. E faise nun momento que non podía ser mellor escollido, despois das eleccións municipais, por aquilo de non alporizar a caixa dos pretendidos votos e antes do verán, para imposibilitar calquera tipo de protesta ou mobilización social.

Lamentablemente esta dereita de Feijóo está a cumprir con total fidelidade o seu ocultado programa de recortes sociais, dando un paso máis na contrarreforma educativa emprendida en Galicia e que de xeito continuado afonda no desprestixio do profesorado e o deterioro do ensino público, en favor sempre dun ensino privado, sobreprotexido e privilexiado, nun proceso desgarrador de continuado maltrato educativo.

O Partido Popular ten un xeito moi particular de practicar austeridade a conta dos dereitos dos outros, como neste caso recortando no ensino público, recortando nun dereito, recortando naquilo que debería ser garantía do futuro e sólido soporte da igualdade de oportunidades de todos e de todas.

Os recortes en educación, sanidade ou dependencia son unha constante perigosa nesta política antisocial e inxusta que está a impoñer o goberno do PP de Feijóo a tódolos galegos e galegas.

No hay comentarios: