Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

22 de abril de 2011

PPrograma oculto II

Recentemente Rajoy dixo que os gobernos deben ser serios, gobernos con programas claros, entendibles e coñecidos. Pois ben, imos aló. O seu programa oculto está ben tapado e raramente imos coñecendo o que podería ser ese modelo de dereitas para superar esta crise, ou que medidas adoptaría no suposto de acadar o goberno.

Así nestes días aparecía de xeito accidental, nas palabras do presidente murciano Valcárcel, que habería que pensar no pago directo polas prestacións de dereitos universais como a educación ou a sanidade. Non é a primeira vez que desto se fala, por moito que logo se desmintan, porque no ideario profundo da dereita está o copago dos servizos públicos, un principio ideolóxico do PP que se fai realidade accidental nas súas conversas, e de levarse adiante acabaría co principio de igualdade de tódolos cidadáns no acceso ós dereitos universais. Negro sobre branco, o partido popular quere facer negocio coa saúde e o ensino públicos.

En todo este tempo non houbo a mínima posibilidade de coñecer a fondo ese programa claro e entendible que din eles, e dificilmente podemos aproximarnos ás que poderían ser as medidas alternativas do PP. Non hai moito escrito ó respecto, algún que outro despistado líder popular que se escapa das directrices de Génova, como o mencionado Valcárcel ou o sesudo Montoro, tamén as declaracións do propio Rajoy aplaudindo as medidas adoptadas polo Primeiro Ministro Cameron en Inglaterra. Hai que recordar, porque a memoria da dereita é feble, que o 31 do outubro pasado Rajoy declaraba en El País: “... el plan de Cameron da confianza, yo haría algo similar en España”.

De ser, así o axuste económico e social sería moito máis duro. Trasladar a España as medidas fiscais de Cameron implicaría doblar o recorte de gasto actual e concentralo nunha reducción brutal da política social, eliminando prestacións sociais que estamos a manter a pesar da crise. Para entendernos estariamos cuestionando as axudas familiares por fillo, a renda de inserción de parados de longa duración, moita da cobertura ós parados, o programa de bolsas universitarias, a renda xove, e por suposto as axudas ós dependentes, que por certo xa se están a bloquear en comunidades como Madrid, Valencia e mesmo Galicia.

De ser así tamén teriamos que falar da posibilidade real de recortar empregos nas administracións públicas, en Inglaterra anunciouse o despido de 500.000 funcionarios. Si Rajoy aplicara un recorte equivalente estariamos a falar de máis de douscentos mil mestres, sanitarios ou policías que perderían o seu posto de traballo. Non debemos esquecer que unha das medidas máis discutidas do programa Cameron, aplaudido por Rajoy, foi o aumento de case que o 250 por cento nas matrículas universitarias, de tal xeito que acabar os estudios de grao custaría máis de doce mil euros nunha universidade pública.

Outras políticas nas que coinciden está no renacemento nuclear coa construcción de novas centrais e o conseguinte retroceso das enerxías renovables (recollido nos informes FAES), por non falar do insólito que podería resultar neste país a privatización dos bosques que se pretende na Inglaterra de Cameron.

A pesar da indefinición do seu programa, o líder Rajoy ten unha axenda oculta de recortes similar ó modelo británico actual. Estamos sen dúbida diante dun retorno planificado ó modelo económico especulativo e privatizador dos anos noventa, que en boa parte agravou a situación de crise que hoxe padecemos. Por non falar do seu modelo social insolidario, excluínte e inxusto que avanzaría profundamente na privatización do ensino, a saúde e as pensións. Leis tan democráticas e avanzadas como a de igualdade, o matrimonio homosexual, o aborto e mesmo a da loita contra a violencia de xénero ou dependencia quedarían pendentes do freo con marcha atrás que teñen perfectamente programado desde as filas populares.

Os cidadáns non poden esquecer que a fórmula secreta de Rajoy para superar esta profunda crise económica está, segundo as súas palabras, en traballar máis, cobrar menos e pagar polos servizos públicos esenciais.

O programa electoral de Rajoy, que pouco a pouco se vai destapando, supón un corte polo sano do Estado de Benestar que hoxe estamos a disfrutar todas e todos. Un recorte social sen precedentes que convertería dereitos universais, públicos e gratuítos en lucrativos negocios privados, en dereitos restrinxidos a unha minoría selecta de cidadáns: economicamente pudientes e familiarmente solventes
.

No hay comentarios: