Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

11 de febrero de 2009

educar na cidadanía

Hai uns días o Tribunal Supremo establecía que o dereito de obxección de conciencia á materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos non existe. Sentencia contraria a todos aqueles que tentaron boicotear esta asignatura coa intención de utilizar as institucións educativas como campo de batalla e marco de hostilidades contra o actual Goberno de España, presidido por Zapatero.

Durante os tres anos de vixencia da LOE, Lei Orgánica da Educación, o Partido Popular e algunhas das súas organizacións máis afines teñen impulsado un debate artificioso e maledicente de oposición radical a esta materia, para ocultar todas e cantas iniciativas tomou este Goberno para modernizar o ensino, impulsar a Formación Profesional, incrementar os presupostos de axudas, loitar contra o abandono escolar ou mesmo xeneralizar a Educación Infantil.

Este fallo xudicial pon fin a unha polémica estéril e falsa do PP, apoiada polos sectores máis reaccionarios da Conferencia Episcopal, que utilizaron descaradamente a batalla da “cidadanía” para torpedear o actual sistema educativo, crear incertidumes nas familias e un certo caos no funcionamento dos centros educativos, sobre todo naquelas Comunidades que gobernan, casos de Madrid e Valencia, onde con total irresponsabilidade pretenderon utilizar os colexios públicos como ariete anti-zapatero: a lideresa Esperanza ofertando un aprobado xeral sen asistir a clase, e o valenciano Camps obrigando a impartila en inglés.

Non se trata de ter ou non ter razón, o verdadeiramente importante é que con esta sentencia do Supremo recuperase o valor da cidadanía e o sentido da educación no país, porque queda meridianamente claro que en todo momento se teñen respectado os dereitos dos pais a elixir a formación moral dos seus fillos.

Durante este tempo foron precisamente as comunidades educativas as que máis activamente traballaron na defensa da educación nos valores democráticos e cívicos. Valores que constitúen o fundamento da nosa convivencia e cidadanía, independentemente de crenzas relixiosas ou ideoloxías de cada quen, moito máis sabendo que os contidos e o currículo se fundamentan na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e nos postulados da vixente Constitución. Unha materia escolar que mal que lles pese a algúns xa se imparte tamén en 19 países europeos.

E si falamos de contidos estaremos a falar do respecto á dignidade persoal, da igualdade de dereitos individuais, do recoñecemento das diferenzas e do rexeitamento de calquera tipo de discriminación. Estaremos a falar do valor do diálogo, da resolución pacífica de conflitos e dos Dereitos Humanos. Estaremos a falar do funcionamento dos Estados democráticos e do noso modelo político actual. Estaremos a falar de cidadanía en liberdade.

Estamos pois no tempo de recuperar a normalidade, esquecendo proclamas incendiarias como aquelas de que “no vale para nada”, “adoctrinamiento del Estado”, “colaboración con el maligno”, “ataque a la libertad”, “imposición dictatorial”, pronunciadas durante todo este tempo por axitadores populistas ou eminentes diocesanos.

E tempo de pasar rapidamente páxina para que todos, gobernos, oposicións, relixiosos, educadores e familias dediquemos tódolos nosos esforzos a traballar pola mellor educación posible de todos e para todos. Porque como na maioría de países europeos onde tamén se contempla esta asignatura, estamos a falar de formar ós alumnos nos seus dereitos, nos seus deberes e nos principios fundamentais de convivencia que esixe unha sociedade democrática e tolerante como a nosa.

No hay comentarios: