Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

29 de enero de 2009

os números tamén falan...

Os xornais abondan das “malas novas”, e dise que de existir un xornal de “boas novas” tería os días contados. Venden moito máis a traxedia, o delito, o sufrimento, o caos, o infortunio e mesmo o morbo. Pero ás veces convén felicitarse publicamente dos éxitos, e moito máis cando estes son de todos e resultado do esforzo colectivo, como está a ocorrer dende hai anos na diminución continuada de accidentes de tráfico e por conseguinte de perda de vidas e sufrimentos innecesarios. .

Tampouco por moito que se teña mellorado debemos, nin podemos baixar a garda, porque a seguridade de todos e de todas, en todo momento e lugar, nunca será total nin completa e sempre estaremos expostos a acontecementos incontrolables, impredicibles ou non pensables, moitos deles que sen dúbida amosarán a cara tráxica e amarga do infortunio, por moita que sexa a nosa atención preventiva e dedicación correctiva, pero que tamén nos debe estimular no traballo diario a favor desa seguridade cada día máis esixible e demandada.

Nestas consideracións previas non me resisto a que todos nos felicitemos porque descenderan considerablemente, en máis de cincocentos, o número de falecidos en accidentes de tráfico durante o ano pasado. Falamos do maior descenso ata hoxe coñecido, e máis importante se cabe considerando que este se produce nunha serie de cinco anos con reduccións continuadas. Un bo dato sen dúbida, pero que non debe facernos esquecer a realidade dramática que acontece demasiado a miúdo nas nosas estradas, porque durante 2008 houbo 1929 accidentes, 1804 feridos e 2181 persoas que perderon a súa vida, moito menos que en anos anteriores si, pero unha realidade inasumible para que cidadáns, colectivos e administracións baixemos a garda e non manteñamos acesas tódalas alertas.

Aínda así, é un feito constatable e recoñecible que os accidentes viarios teñen descendido por quinto ano consecutivo en cifras significativas, cando vemos que neste ano houbo case que 2.000 mortos menos que en 2003, algo que ven a supoñer unha redución do 46 por cento no número de vítimas. Moito máis elocuentes se temos en conta que circulando hai un vinte por cento máis de coches e condutores que hai cinco anos.

Medidas concretas de choque e considerable impacto foron a implantación do permiso por puntos, a partir de xullo do 2006, a reforma do código penal para excesos de alcohol ou velocidade, en vigor dende o pasado ano, e mesmo a posta en funcionamento do ESTRADA (Centro Estatal de Tratamento de Denuncias Automatizadas). Medidas que teñen producido un efecto de cambio positivo nos hábitos de condución e por conseguinte na redución da propia sinestralidade vial. Máis cinto de seguridade, menos alcohol ó volante e menos velocidade están a ser tres eixes fundamentais que sustentan a mellora da seguridade nas estradas.

Mesmo nestes días o impacto positivo está no acordo entre os ministerios de Interior e Fomento do goberno de Zapatero para eliminar e canto antes sinalizar os puntos negros, tramos de concentración de accidentes e alto risco, das nosas estradas, no convencemento pleno de que cada accidente evitado, son máis vidas que non se perden.

Porque o feito de que aínda se perdan 6 vidas diariamente nas estradas, no 2003 eran 11, obríganos a perseverar na consideración da seguridade vial coma unha prioridade absoluta do goberno, deste goberno socialista, dentro do concepto integral da seguridade que temos como dereito de todos e para todos.


No hay comentarios: