Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

8 de febrero de 2010

máis PP, menos galego

Coa invernía chegou o “borrador feijooniano” do despropósito e a traizón, vía decreto da Xunta que trasladará ós centros educativos o conflicto da lingua xerado polo propio Feijóo en campaña electoral. Un decreto presentado en período vacacional, como é costume da dereita, con premeditada aleivosía, opacidade e aproveitando o discorrer vaporoso da noite da despedida e dos consensos rotos.



Sen dúbida unha norma elaborada de costas á sociedade galega e por xentes que pouco pisaron as aulas e centros onde agora se pretende provocar o conflicto. Pouca esperanza queda para recuperar ese consenso lingüístico roto pola decisión intransixente do presidente popular, que elimina esa necesaria discriminación positiva en favor do galego, que no seu día, aló polo 2004 e con Fraga como Presidente, nacía da unanimidade parlamentaria galega.

Unha discriminación positiva e necesaria para garantir a competencia do
alumnado en galego e castelán, que agora atopa no “borrador por decreto” do PP unha drástica reducción das horas en lingua galega en detrimento da sobrevaloración do castelán, de por sempre xa sobradamente privilexiado. Na grande maioría das aulas impoñerase a doutrina do nunca ben entendido “patrioterismo españolista”, acaparando as clases en castelán máis do 65 por cento das horas lectivas.

Nós daquela e agora apostamos polo consenso social e a concordia lingüística, e reclamamos do goberno conservador da Xunta a volta ó espírito de 2004, pola vía da proposta do propio Consello da Cultura Galega de crear unha Comisión Parlamentaria onde as forzas políticas, axentes sociais e a comunidade educativa poidan debater e acordar sobre o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización.

Porque o Consello da Cultura ten sido rotundo, "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego", e claro ó aseverar que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe respecto do castelán”.

O “borrador de Feijóo” desvela as súas verdadeiras intencións porque tamén é claro, orixinando un problema onde non había, e rotundo ó claudicar na defensa e protección da nosa máis importante sinal identitaria, a nosa lingua.

A maioría dos galegos levamos tempo apostando polo entendemento, a convivencia e a unidade de todos e todas en torno á lingua galega, sobran por tanto enfrontamentos en algo tan noso como son o uso, disfrute e defensa do galego. Porque unha lingua ten que ser valor de comunicación e convivencia, pero nunca xamais arma de discriminación, elemento separador ou postulado separatista. Por iso, rexeitamento total ós que pretenden dividirnos por mor das linguas, ás veces con imposicións vía decreto, ás veces con sectarismos exclusivistas.


No hay comentarios: