Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

14 de octubre de 2008

austeridade, protección e inversión

Dende o mes de xullo o PP de Rajoy asegura que ten a receita milagreira para que España saia inmediatamente desta situación de crise, e que si o Goberno aplicara o seu paquete de medidas, a situación económica estaría resolta. Para elo din que teñen 25 medidas, pero cando falan deste tema só se refiren a 3 delas, e sempre as mesmas, reducir os presupostos, baixar o Imposto de Sociedades e que se aumenten as deducións pola compra dunha vivenda.

A todos nos gustaría coñecer que outras medidas propoñen ademais das 3 de sempre, empresa difícil de acometer, nun plan intencionadamente agachado, ben porque non existe, ben porque non queren que se coñeza. Pero as propostas, sexan 3 ou 25, só teñen credibilidade cando veñen avaladas polos feitos, e non hai máis que observar onde o PP goberna: privatizacións dos servizos públicos, recorte de prestacións sociais ou paralización das inversións en infraestruturas.

Un exemplo, mentres Rajoy non se empacha en pedir a gratuidade dos libros de texto, onde hai menos axudas para libros escolares é precisamente en Madrid, Castela e León, Murcia ou Valencia, comunidades todas gobernadas polo PP; pola contra, onde existe gratuidade total dos libros de texto son Castela-A Mancha, Aragón, Andalucía e Galicia, curiosamente todas elas con gobernos socialistas.

Nos presupostos dun goberno é onde mellor se aprecian as diferenzas ente partidos de distinta cor política, porque é aquí onde se fixan as prioridades da súa política respecto do país e dos cidadáns. Están claros os dous grandes obxectivos do goberno de Zapatero, que os cidadáns teñan toda a protección social que precisan e que o país non se pare e continúe avanzando na modernización e benestar.
A realidade de que o noso país –como o resto do mundo– está atravesando unha das situacións económicas máis complicadas das últimas décadas, esixe dun goberno responsable medidas para aforrar no gasto corrente, apoiar ás persoas e familias máis necesitadas e inverter en infraestruturas e novas tecnoloxías. Austeridade no gasto corrente para concentrar os esforzos no gasto produtivo e social.

Austeridade, protección social e inversión pública como elementos básicos dun presuposto pensado para as persoas, mantendo tódolos compromisos e melloras nas pensións, becas, dependencia, vivenda, de compra ou aluguer, e nas prestacións por desemprego. Tamén pensando na necesaria recuperación económica a través da inversión produtiva en obra pública e novas tecnoloxías, conscientes de que este país necesita establecer o seu crecemento en actividades de valor engadido e na produtividade. Porque impulsando a contratación de obra pública, en autovías e alta velocidade, estimularemos a economía e paliaremos a perda de emprego orixinado no sector inmobiliario.

Agora que a escalada de prezos está dando un respiro, é ben certo que un dos principais problemas desta crise está a ser o aumento de parados. É necesario pero non suficiente que nestes momentos máis do 80 por cento deles teñan recoñecido o dereito a unha prestación económica, por iso o diálogo social con sindicatos e empresarios deberá buscar solucións para recuperar canto antes o emprego e aumentar a estabilidade laboral. Acordo cos axentes sociais e non decretazos, como impuxera o goberno de Aznar e Rajoy no ano 2002, abaratando o despido, conxelando os salarios públicos e reducindo as prestacións sociais.

O Goberno de España, dentro do pequeno marxe de manobra que ten diante da crise financeira internacional e a subida do petróleo, tomou con rapidez, contra do que di o PP, medidas importantes para minorar as consecuencias directas deste tempo de recesión, medidas que sen dúbida terán efectos positivos pero non se notarán ata dentro duns meses. A pregunta debe ser, ¿podemos facer máis en España?. Seguro que si, no prazo curto máis inmediato estabilizar o sector inmobiliario e fomentar a construción de vivenda protexida, aumentar máis se cabe a inversión en obra pública e convencer ó sector financeiro para que a oferta crediticia permita ós sectores saneados seguir funcionando e crecendo.

Tamén chegou o momento de que España presione na Unión Europea para que o Banco Central Europeo baixe dunha vez os tipos de interese, porque está ben que se preocupe da inflación, pero hai que facerlle saber que en Europa tamén existen cidadáns que teñen dificultades reais para pagar as súas hipotecas ou para acceder a un crédito.

A medio prazo por suposto hai que sentar as bases dun modelo produtivo alternativo ó actual modelo da construción. Un novo modelo de crecemento económico fundamentado na mellora da produtividade, na inversión produtiva e tecnolóxica, que sen dúbida contribuirá na innovación empresarial e na creación de emprego e riqueza.

No hay comentarios: