Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

12 de agosto de 2008

Cen días

Unha democracia asentada como a nosa esixe dos seus gobernantes decisión para render contas, boa costume política que non tódolos gobernos practican. Render contas do que deron de si estes cen primeiros días de Goberno socialista, e tamén como saudable exercicio de saber asumir responsabilidades.
Non se trata nin moito menos de alardear dos logros acadados, máis ben de explicar á cidadanía os esforzos e iniciativas tomadas para afrontar, con prioridade absoluta, o frenazo da nosa economía e superar canto antes esta difícil situación que atravesamos e que singularmente afecta ás familias con menos ingresos e ás pequenas empresas, polo que supón de subida de prezos e perda de empregos.
Todos sabemos dos factores externos, crise financeira internacional, encarecemento das materias primas e subida do petróleo, como principais causantes desta difícil situación, algo que non debe restar un chisco de responsabilidade ó Goberno, por iso das medidas económicas que dende o primeiro día se teñen tomado para paliar os efectos da caída do crecemento e do emprego, medidas que no seu conxunto e ata o ano 2010 poñen en circulación máis de 60.000 millóns de €uros.
Medidas económicas extraordinarias porque hai que axudar ós sectores do transporte, da pesca e do agro, que son os máis afectados pola crise enerxética, porque hai que solucionar a falla de liquidez das pequenas empresas e manter a súa inversión productiva, porque hai que reducir o impacto negativo da actual situación sobre a renda dispoñible das familias.
E poderase estar de acordo coa actuación do goberno, tamén en desacordo; poderán gustar estas medidas, non gustar e incluso desgustar, pero non é de recibo e resulta, cando menos, non pertinente dicir que non se fai nada e non se toman medidas. Ningún país da Unión Europea ten adoptado un conxunto similar de medidas, nin por asomo unha mobilización de recursos económicos tan importante.
Por suposto que hai que recoñecer as dificultades que atravesamos, pero tamén valorar na súa xusta medida o que temos e o que facemos. Hai que valorar o que supón de positivo ser hoxe un país forte económica e socialmente, máis forte que nunca, en mellores condicións que nunca para resolver canto antes esta situación adversa.
Hai que valorar as medidas do goberno e valorar tamén as propostas da oposición, porque a política non é a mesma cando goberna a dereita ou a esquerda, por moito que se nos insista interesadamente dende o universo mediático e opinador desa mesma dereita.
E dende unha concepción progresista e social da economía non podemos estar de acordo coa receita de Rajoy, porque unha reducción drástica do gasto público afectaría ás inversións en infraestructuras e ás políticas sociais, afectaría ás familias con menos renda e ós sectores productivos máis febles. E non se poderá dicir que esta é unha simple conxectura anti-PP e oportunista, non hai máis que recordar o que xa fixeron cando gobernaron, indo ben as cousas, naquela “España va bien” de Aznar e Rajoy, conxelación salarial para empregados públicos, recorte de becas e axudas sociais, mínimas subidas nas pensións e no salario mínimo, reforma laboral imposta por decreto, ...
Seguro que haberá que ser austeros no gasto público, pero tamén moi solidarios cos que máis o necesitan, pensionistas, traballadores, parados e sectores máis afectados pola carestía da vida e as dificultades económicas.
Claro está que tódalas medidas adoptadas, no camiño da recuperación económica e creación de emprego, necesita da colaboración dos Axentes Sociais e tamén do diálogo con tódolos grupos políticos, cunha única limitación, o fortalecemento das políticas sociais que nunca deben quedar afectadas por recortes nos dereitos adquiridos, nin nas prestacións comprometidas.
Render contas dos cen primeiros días de goberno, tamén nos momentos difíciles.

No hay comentarios: