Finalizou maio con datos positivos no mercado laboral: descende o paro significativamente e aumenta a afiliación da Seguridade Social. Estamos diante dunha boa noticia sen dúbida, pero que non debemos magnificar porque, dentro deste tempo de crise absoluta e global que estamos a vivir, o dato global do paro rexistrado segue a ser malo, 3.620.139 persoas.
Boa noticia porque é a primeira vez que descende o paro dende hai 14 meses, algo que pode confirmar a boa dirección das medidas do goberno para frear a destrucción de emprego e que estas son acertadas porque empezan a dar resultados. Así e todo hai quen non se alegra.
Son os que dende unha oposición fatalista, fanática e destructiva levan tempo sementando pesimismo e intranquilidade á cidadanía, non propoñendo nada novo, opoñéndose a toda iniciativa do goberno afirmando que non servían para nada.
Pola contra o tempo está a demostrar que o Fondo de Inversión Local (Plan Zapatero), que o PP non apoiou nin votou, está a reactivar a economía e crear emprego, en España máis de 350.00, en Galicia supera os 18.000, en Lugo case que 2.500. Un conxunto de medidas que xa están a dar os seus primeiros froitos nesta loita sen cuartel de todos, traballadores, sindicatos, empresarios, concellos e gobernos, todos menos o Partido Popular, que nin estivo nin se lle espera nestes momentos de crise total que nos toca vivir.
A noticia do paro abre un camiño esperanzador para o conxunto da sociedade española, pero seguramente non tanto para aqueles que levan tempo amplificando os malos datos económicos coa intención única de desgastar ó goberno socialista, participando da teoría patrioteira-visceral de que canto peor, mellor.
É moi elocuente o silencio absoluto do PP nestes días, cando outras veces axitaron en tromba calquera tipo de dato negativo, como si deles se alegrasen. Un silencio dos dirixentes do Partido Popular que os delata publicamente e que debería avergoñalos especialmente porque nos seus bastións de Madrid e Valencia o paro segue aumentando.
Os chamados “brotes verdes” da economía e do emprego, semellan ser toxos e ortigas para algúns populares que converteron os continuos datos negativos do paro no eixo da súa estratexia para criticar a política económica de Zapatero, e agora se senten descolocados co que poida significar de cambio na tendencia laboral.
Dicía que unha boa noticia que o paro descenda, pero sendo conscientes que queda moito camiño por percorrer e moito esforzo por facer para superar a situación de desemprego que padecemos. O obxectivo final non pode ser outro que traballar dende tódolos ámbitos públicos e privados para frear o paro, recuperar o emprego e crecer de novo economicamente.
Todos estamos chamados a unir esforzos, tamén o Partido Popular se realmente son capaces de entender o que significa facer país entre todos para superar esta crise.
lunes 8 de junio de 2009
silencios elocuentes
jueves 4 de junio de 2009
accidentes en moto
Existe unha importante demanda de seguridade para os motociclistas, diante do problema dos accidentes derivados dos choques contra os sistemas de contención nas estradas, unha, porque hai máis motos e máis moteiros, e dúas, porque os sistemas de protección existentes responden a un deseño pensado, no seu día, en función dos vehículos de 4 rodas, maioritarios nas nosas estradas.
Dende hai cinco anos a preocupación deste Goberno pola seguridade, está nas necesidades dos usuarios máis vulnerables das vías de comunicación, entendamos viandantes e motociclistas. Unha preocupación social compartida por tódalas administracións e institucións, cun obxectivo prioritario concreto, mellorar as barreiras de contención nos tramos de concentración de accidentes, para así acadar os maiores niveis de seguridade posibles e desexables.
Hai dous anos aprobábase o chamado “Plan de Seguridade Viaria para Motoristas”, coa intención de poder reducir o número de vítimas en accidente de motos, que contempla catro ámbitos de actuación: preparar ós motoristas para unha condución máis segura, reducir os puntos negros, combater as prácticas de risco na moto e reducir no posible as consecuencias dos accidentes.
Con accións concretas para mellorar os sistemas de protección e contención nas estradas, tamén minorar as marcas viarias horizontais, usar pinturas antideslizantes, control sobre usos indebidos da moto, esixencia total do casco, programas especiais de formación para colectivos profesionais que usan a moto, ou novos deseños viarios que melloren as condicións de seguridade.
Estas medidas específicas para mellorar as condicións de seguridade dos usuarios de motocicletas teñen suposto un gran esforzo inversor en materia de seguridade viaria; porque cando falamos de melloras na seguridade viaria estamos a falar de actuacións concretas e tamén de cartos. Si pensamos na nosa provincia de Lugo, vemos como nestes cinco anos, o Goberno de Zapatero ten destinados 89 millóns de euros en materia de seguridade viaria, máis de 21 millóns corresponden a este mesmo ano. No caso de Galicia, as inversións nesta materia superan os 300 millóns, e contemplan melloras en máis de 130 km. da rede estatal.
O novo sistema de contención e protección en caso de accidente de moto, consiste na colocación dunha nova barreira por debaixo da xa existente para evitar que os motoristas poidan pasar por debaixo da mesma e impedir así os golpes contra os soportes. A nova barreira inferior está situada a 3 centímetros do chan e actúa para absorber a forza do impacto ao producirse o accidente, cun perfil que se adapta tamén ao casco do motorista, de xeito que ao producirse o impacto a barreira diminúe os sucesivos golpes na cabeza.
Por iso é moi importante coñecer en qué circunstancias se produce un accidente de moto, o que poderíamos chamar perfil do motorista accidentado. Así teremos que ter en conta que oito de cada dez accidentados teñen menos de corenta anos, se accidentan na fin de semana e se corresponden con motos potentes e novas, que teñen menos de tres anos de uso e cilindradas superiores ós 500cc.
Un traballo intenso deste goberno en seguridade viaria para os motociclistas, que conta xa con bos resultados, mostra de elo é que durante o ano pasado os accidentes en moto se teñan reducido en case un trinta por cento, mentres no conxunto de Europa seguen a medrar.
lunes 25 de mayo de 2009
unha raiola de sol
Continúan as duras dificultades para as economías mundiais, tamén a nosa, pero coma unha raiola de sol no medio do temporal, aparecen indicios esperanzadores anunciando o que podería ser unha incipiente recuperación económica. Sabemos que calquera informe dun organismo internacional ou nacional, sexa público ou privado, que aporte datos e cifras económicas terá apreciacións negativas ou positivas, dependendo da lectura que se lle queira dar.
Dende marzo vense apreciando unha incipiente recuperación nos mercados financeiros, tras longos meses de caídas abismais e inestabilidade suprema. Esta melloría mínima e gradual aporta pequenas doses de optimismo diante do que poida ser unha pronta recuperación e inicio de actividade económica que nos devolva axiña á situación anterior de crecemento estable e consolidación do benestar.
Todo axuda, as propias medidas económicas e sociais aprobadas polo Goberno de Zapatero, xunto con outras que están a desenvolver algúns dos gobernos autonómicos, están a ter un efecto positivo recoñecido polo propio Banco de España, e outras entidades comunitarias. Medidas que están a dar os seus primeiro froitos, liquidez no sistema bancario, financiamento nas pequenas empresas, chegada dos créditos ás familias, cobertura social ós parados e inversión pública para frear a destrucción de postos de traballo e iniciar a senda da recuperación.
Resulta tremendamente positivo que no último debate do estado da Nación o presidente Zapatero desbotase, unha vez máis, as reformas laborais fronte á dereita económica e política deste país que permanentemente insisten nelas como solución, reformas que só conseguirían castigar máis ós que menos teñen e máis necesitan, ós traballadores e ás familias dos parados.
O Presidente de España retomou a iniciativa política coa presentación de novas propostas fronte a esta profunda crise que semella haber tocado fondo, poñendo sobre a mesa un importante e ambicioso paquete de medidas que apuntan directamente a sectores especialmente tocados pola crise: o automóbil, a vivenda, as pemes e os autónomos, e tamén pola aposta decidida que fai da reactivación económica a través das políticas públicas e o cambio no modelo produtivo, como Zapatero ben dixo, “ más ordenadores y menos ladrillos”.
Mentres Rajoy, erre que erre, leva 5 anos instalado no mesmo discurso de sempre, sexa a que sexa a situación do país, incluso achegándose ós limites do despropósito semella recrearse nos efectos perniciosos da crise, manipulando o sentir dos parados e sen aportar nada novo ou positivo, limítase a ensinar as tapas dun libriño e dicir que teñen un plan para saír da crise, un plan que ó día de hoxe ninguén coñece, “un plan oculto” que todos imaxinamos responde á consabida consigna da reforma laboral añorada pola dereita máis reaccionaria do país, para abaratar o despido, recortar dereitos laborais ou reducir políticas de protección social. Receita neoliberal que responde á idea perversa de que esta crise, orixinada pola voracidade financeira internacional, a paguen os de sempre, traballadores e parados.
Unha vez máis o mellor líder que ten a dereita española é incapaz de presentar unha soa proposta razoable e crible que axude a superar este momento de crise, limitándose de novo á gratuíta descualificación e o innecesario chascarrillo de casino.
O Goberno español estase a mover contra da crise, ás veces con lentitude ou titubeos, pero estase a mover e apostar por este país e as súas posibilidades de futuro. A dereita de Rajoy e Feijó agardan nas trincheiras opositoras do inmobilismo, esperando a que escampe e aproveitándose dos malos datos económicos ou laborais, como quen disfruta do mal alleo ou da ruína xeneralizada, co único propósito de desgastar a Zapatero e preparar o camiño de volta á Moncloa. Coma sempre o tempo poñerá a cada quen no seu lugar.
A necesaria recuperación chegará, e será máis pronto se todos, gobernos, institucións e partidos sumamos esforzos e deberá pasar pola estabilidade do noso sistema bancario, incrementar a confianza dos cidadáns, favorecer a economía produtiva e incrementar o emprego.
martes 28 de abril de 2009
sentirse máis seguros
A taxa de criminalidade en España está actualmente case 23 puntos por debaixo da media europea, así no pasado ano 2008 rexistráronse 47 infraccións penais por cada mil habitantes, fronte ós máis de 70 que supón a media da Unión Europea, e moi lonxe do que acontece en países coma Suecia, con máis de 120, Reino Unido, máis de 101, ou mesmo Alemaña que chega ás 76.
Unha diferenza que sería moito maior si deste balance excluíramos algúns novos tipos delictivos, contra da seguridade vial, que precisamente dende o ano pasado se incorporan ás nosas estatísticas de criminalidade e delincuencia.
Son afirmacións contundentes e “seguras”, recollidas no Balance de Criminalidade e Delincuencia do ano 2008 que hai uns días foi presentado polo ministro do Interior; datos que avalan e permiten que o noso país se presente hoxe coma un dos países europeos máis seguros.
No 2008 descenderon significativamente o conxunto das infraccións penais máis importantes, os delitos cometidos contra da vida, a integridade e a liberdade das persoas, contra o patrimonio, xunto tamén coas faltas con lesións e tamén os furtos. E precisamente estes tipos delictivos son os que representan case a metade de tódalas infraccións cometidas. Caben nesta serie algúns malos datos, os referidos ós roubos con forza en vivendas, que se teñen incrementado levemente, como tamén ten ocorrido cos delitos contra das persoas, que se explica fundamentalmente polo aumento importante das denuncias por malos tratos no ámbito familiar.
Polo tanto estamos diante dun bo e mellorable, de perseverar nas políticas activas de seguridade, comportamento das cifras de delincuencia criminal, algo que se debe en moi grande medida á considerable mellora nos indicadores de eficacia das nosas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía e Garda Civil, que están a pasar polo seu mellor nivel de eficacia policial. Eficacia policial que fixo que o número de delitos resoltos e detencións practicadas presentaran nese tempo os mellores resultados da última década.
Durante o 2008, Policía e Garda Civil esclareceron 339.150 delitos, acadando un nivel de casos resoltos que supera o 38 por cento, cando sete anos atrás apenas acadaba o 26 por cento. Eficacia policial especialmente intensa dende hai cinco anos, na que inciden positivamente un especial reforzo e aumento dos efectivos policiais, que hoxe pasa dos 142.000 axentes, 24.000 máis que había no 2004, así como o incremento no gasto en seguridade pública que neste tempo se ten incrementado nun vinte por cento, pasando do 0’49 ó 0’60 por cento do PIB español.
Esforzo intenso e continuado, dende hai cinco anos, en presuposto, medios e persoal, que ten multiplicado a propia capacidade investigadora das Forzas e Corpos de Seguridade, e tamén a súa labor preventiva, sobre todo naqueles asuntos relacionados coa posesión e consumo de drogas, que acochan directa e incisivamente nos colectivos máis febles da sociedade, os nosos rapaces. O plan de prevención de tráfico e consumo de drogas nos entornos escolares e lugares de ocio, con tres anos de vixencia, está a dar bos resultados, con máis de 120 mil denuncias, 3.400 detidos e máis de mil puntos de venta desactivados.
Unha boa xestión da seguridade pública, de todos e para todos, como garantía plena da nosa convivencia en liberdade, que se ten reflectido na propia percepción que temos os cidadáns da inseguridade, unha percepción da inseguridade que actualmente se sitúa nos niveis máis baixos nunca acadados.
Protexer, amparar e defender ós cidadáns ven a ser un dos máis altos e nobres obxectivos do goberno dun Estado democrático. Sentirse máis seguros para ser máis libres, así o entendemos os socialistas.
miércoles 15 de abril de 2009
camiño da igualdade real
Celebramos o día Internacional da Muller, e nada mellor que avaliar as políticas levadas adiante polo Goberno socialista nestes últimos anos. Temos un ministerio específico para a Igualdade, pero o verdadeiro valor está na actuación transversal dos distintos ministerios dende unha perspectiva de xénero, na procura da persecución da violencia de xénero, da incorporación da muller ó mundo do traballo, e da conciliación familiar e laboral.
Porque son moitas e boas medidas, en marcha a través da propia Lei da Igualdade (2007), como a creación en Ministerios e Universidades das Unidades de Igualdade, para establecer a paridade nos órganos de representación e goberno. Moitas son tamén as encamiñadas a favorecer a conciliación da vida profesional, persoal e familiar, nas administracións públicas, como a creación do permiso de paternidade e a ampliación do de maternidade.
A discriminación positiva tamén ten avanzado na participación política e nos órganos de decisión. Na Administración Xeral do Estado, no Consello Xeral do Poder Xudicial, e nos Consellos de Administración das empresas tense incrementado significativamente.
Toda unha transformación no mundo rural tense producido co Real Decreto que desenvolve a figura da titularidade compartida das explotacións agrarias, porque con esta nova regulación as mulleres poderán ser titulares de dereitos derivados da propia actividade agraria. Toda unha acción positiva que contribuirá á igualdade efectiva entre homes e mulleres no rural galego.
Coa aprobación do “Plan Integral contra la Trata de Seres Humanos con fines de explotación sexual”, tentase asegurar a asistencia e a protección da vítima, así como loitar incansablemente contra traficantes e proxenetas, aplicando socialmente o principio de tolerancia cero. Tolerancia cero tamén para o maltratador, e atención prioritaria ás mulleres maltratadas, de xeito individualizado e personalizado, para favorecer a súa recuperación e integración laboral. Información, formación, sensibilización, prevención, protección, atención e persecución delictiva son instrumentos necesarios contra esta lacra de violencia irracional. Unha novidade vai ser a implantación de dispositivos electrónicos de detección de proximidade dos agresores por violencia de xénero.
Tamén luz verde para poder dispoñer da información actualizada sobre ordenes de busca e captura dun agresor, a través do novo sistema que integrará tódalas bases de datos de “Penados, Víctimas de la Violencia Doméstica, Medidas Cautelares, Requisitorias y Sentencias No Firmes, Rebeldes Civiles y Sentencias de Responsabilidad Penal de los Menores”.
Por outra banda unha comisión de expertos está a estudar a situación da interrupción voluntaria do embarazo en España e as posibles propostas para unha nova regulación, para dar plenas garantías xurídicas ás mulleres que accedan a ela e ó persoal sanitario, recoñecendo o pleno dereito da libre elección da muller sobre a súa saúde sexual e reprodutiva, e nun intento de equiparar a lexislación española ó noso entorno europeo.
O compromiso sigue a ser claro e decidido para devolver á muller tódolos dereitos que como muller e traballadora lle pertencen e que moitas veces lle son arrebatados inxustamente. Porque aínda son moitos os retos pendentes neste camiño da igualdade real e efectiva, na conciliación plena, na eliminación das diferenzas salariais ou na mellora das condicións laborais.
Nada mellor que seguir logo o exemplo de millóns de mulleres no mundo que, con moito esforzo e abnegación, traballaron e traballan polos dereitos das mulleres. Por elo debemos estar atentos para non dar un só paso atrás nos dereitos adquiridos, e dispostos a traballar por un novo modelo económico e social máis equitativos e igualitario.
Unha sociedade moderna e democrática non pode nin debe prescindir da capacidade, do talento, da formación e dos valores da metade da súa poboación, as mulleres.
martes 24 de marzo de 2009
o galego une, non divide
Nestes días de invernía ten agromado nas rúas de Compostela a violencia sempre irracional e nunca xustificable dos intransixentes. Como galego e socialista que son, exerzo e me sinto, non podo por menos que rexeitar pública e rotundamente calquera actitude violenta, tamén coma neste caso, cando energúmenos violentos, cargados de intolerancia agresiva, pretenden dividirnos por mor das linguas, sempre con imposición e sectarismo exclusivistas.
.
Levamos moitos anos apostando polo entendemento, a convivencia e a unidade de tódolos galegos e galegas en torno da nosa lingua, sobran por tanto enfrontamentos e confrontacións, en algo tan sensible e tan identitario para nós, como é o uso, disfrute e defensa do galego.
A nosa liberdade a manifestarnos, a expresarnos, a identificarnos, a vivir, a sentir non se pode ver coartada pola coacción ideolóxica, nin pola imposición violenta duns poucos fanáticos descerebrados.
Poderemos ou non estar de acordo cos postulados dunha convocatoria cidadán, pero sempre defenderemos o dereito de manifestación e opinión, dereito democrático que ninguén pode impedir nin limitar, utilizando métodos violentos. E vou máis aló, defendo tamén o dereito a estar equivocado, porque no respecto e consideración do contrario está o verdadeiro valor da liberdade en democracia.
Unha lingua debe ser ante todo un valor de comunicación, entendemento e convivencia, pero nunca xamais un arma de discriminación ou elemento diferenciador ou separador. En Galicia temos unha historia recente de forte unanimidade política en torno á nosa lingua. Dende postulados ou matices diferentes, si pero todos estamos e nos sentimos comprometidos coa lingua galega, con grandes doses de sensibilidade e prudencia, tamén, por ser este un tema de debate complexo.
Defendemos e promovemos o galego como lingua propia de Galicia, como expresión máis definida da nosa personalidade colectiva, como sinal da nosa identidade. E defendémolo e promovémolo porque ó día de hoxe segue a ser máis feble e reducido que o noso tamén idioma castelán. No respecto a todos e todas, somos moitos os que reivindicamos a nosa singularidade lingüística de ter dúas linguas que nos pertencen, o castelán e o galego. Un patrimonio fundamental que non deberiamos prexudicar con actitudes infames ou intolerantes. Castelao, Valle Inclán, Rosalía, Torrente Ballester, son galegos e galegas, patrimonio común de Galicia.
Non hai motivos para a desesperanza, hoxe en Galicia existen ó respecto leis moi claras para o que debe ser unha perfecta normalización lingüística. A vixencia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no 2004, xunto a decisións tan relevantes como o uso da lingua galega dende o ensino infantil, o propio uso do galego na Cámara senatorial e o seu uso nas institucións europeas, dan fe do momento histórico que estamos a vivir na recuperación da nosa identidade como pobo.
Nada mellor que o galego, lingua de todos nós, para falar das nosas sinais de identidade máis senlleiras, porque o galego está a ser e deberá ser sempre elemento de cohesión e convivencia, nunca fonte de conflitos nin causa de división. Por iso as posturas separadoras ou separatistas, sempre sectarias e intransixentes, dun ou doutro bando, son incompatibles cunha convivencia armónica das nosas linguas, nun bilingüismo integral como patrimonio irrenunciable de nosa identidade galega. Desconfiamos moito daqueles que se consideran propietarios únicos da máquina de facer galeguidade ou depositarios absolutos do sentir galego, moitas veces abonan, consciente ou inconscientemente, comportamentos violentos como os acontecidos en Compostela.
lunes 9 de marzo de 2009
luces para ser vistos
A política de seguridade dun goberno debe ter como principal obxectivo acadar un país cada día más seguro, para que tódolos cidadáns poidamos exercer tódolos nosos dereitos, disfrutar plenamente da nosa liberdade e vivir sen ningún tipo de medo. Seguridade de todos e de todas, seguridade para todos e para todas.
A consideración da seguridade como unicamente policial ou militar resulta hoxe en día obsoleta. Nacións Unidas, dende hai tempo impulsa un novo concepto de seguridade, a seguridade integral das persoas, na que están moi presentes os novos riscos e ameazas que representan os accidentes de tráfico.
Neste sentido a preocupación máxima dun goberno estará en garantir que o conxunto dos cidadáns que viven en España sexan cada día máis seguros cando circulan polas vías públicas.
No pasado mércores, no Senado aprobábase unha moción socialista que mandata ó Goberno de España a modificar as normativas necesarias para que sexa obrigatorio que tódolos vehículos a motor circulen coas luces de cruce acesas polas vías interurbanas.
Unanimidade total no convencemento de que será unha medida tremendamente positiva, unha boa medida que axudará a reducir accidentes nas estradas.
Unha medida positiva que xa funciona en máis dunha trintena de países, tan distintos e distantes como Francia, Finlandia, Israel ou Canadá.
A propia Dirección Xeral de Tráfico recomendaba a través dun comunicado público o uso das luces de cruce no día, durante o período invernal ou situacións meteorolóxicas desfavorables, anticipándose así a decisión da Comisión Europea de que os novos turismos dispoñan de luces específicas a partir do ano 2011.
Son moitos e variados os estudios de Seguridade Vial realizados sobre esta materia por diferentes organismos, tanto privados como públicos, a propia Dirección Xeral de Tráfico, a Comisión Europea, a Asociación Española de Automobilistas, o Real Automóbil Club de España, o Instituto Tecnolóxico para a Seguridade do Automóbil- FITSA, o Centro de Investigación e Desenrolo na Automoción- CIDAUT, ou mesmo a iniciativa cidadá Luces24horas.
Estudios que coinciden na idea de que esta medida pode mellorar os niveis de accidentaliedade mortal por enriba do 5 por cento, hai algún incluso máis optimista, que chega a superar no 20 por cento a reducción de accidentes de tráfico.
Está pois máis que demostrado que unha mellor visibilidade dos vehículos convertese nun elemento fundamental na mellora da seguridade vial, porque favorece unha reducción significativa dos accidentes e víctimas nas estradas. Xa moitos automobilistas utilizamos, de xeito voluntaria, as luces durante o día, ó considerar que son moitos os efectos positivos: unha maior visibilidade dos vehículos, maior ángulo e distancia de detección dun coche, estimacións máis seguras nas distancias e velocidades, e mellor identificación dos vehículos en circulación.
Por outro lado os efectos negativos como maior contaminación ou maior consumo non parecen ter suficiente relevancia, xa que os índices barallados son pouco ou nada significativos e se ven moi superados por outras opcións de confort ou comodidade, que non de seguridade, como o aire acondicionado, o consumo de ambientadores e mesmo os equipamentos opcionais.
Nos últimos anos temos moito avanzado na seguridade vial, ó poñerse en marcha por parte do Goberno novas medidas de seguridade que teñen producido resultados moi positivos na reducción da taxa de accidentalidade nas estradas do país.
Si comparasemos as cifras actuais coas de fai cinco anos, hoxe tendo un 20 por cento máis de coches e conductores, temos conseguido reducir o número de víctimas por accidente en case que un 45 por cento. Sobran palabras.
E foron moitas e variadas as medidas concretas, de considerable impacto nesta loita pola seguridade viaria, a implantación do permiso por puntos, a partir de xullo de 2006, a reforma do código penal para excesos de alcohol ou velocidade, en vigor dende o pasado ano, mesmo a posta en funcionamento do ESTRADA (Centro Estatal de Tratamento de Denuncias Automatizadas), por non citar a enorme inversión pública que ano tras ano se realiza na construcción de novas autovías e na mellora da rede convencional, con plans tan ambiciosos como os de supresión e sinalización de puntos negros ou supresión de pasos a nivel.
Medidas todas elas que están a producir un cambio positivo e sen precedentes nos hábitos de conducción e na reducción da propia sinistraliedade vial. Pero tampouco por moito que se teña mellorado e avanzado debemos, nin podemos baixar a garda, porque a seguridade de todos e de todas, en todo momento e lugar nunca será total nin completa.
E sempre estaremos expostos a acontecementos incontrolables, impredicibles ou non pensables, que nos amosarán en máis dunha ocasión a cara tráxica e máis amarga do infortunio, por moita que sexa a nosa atención preventiva ou dedicación correctiva.
En temas de seguridade o noso obxectivo final non debería ser outro que a mesma protección da vida. Porque cando falamos de mortos por accidente de tráfico estamos a falar de mortes evitables en moitas das ocasións, e porque os accidentes de tráfico non son accidentais, son case que todos evitables. Por elo resulta vital, e nunca mellor dito o de vital, lexislar e investir en materia de seguridade, é sen dúbida unha inversión de futuro.
Esta nova proposta aprobada na Cámara Alta, hai uns días, ten dúas razóns de peso que a xustifican, as medidas xa tomadas están a funcionar ben, e neste caso concreto a medida aprobada non ten outro obxectivo que salvar vidas.
Estou convencido de que esta medida significará un paso máis, un importante paso, na mellora da seguridade vial das nosas vías públicas e na salvagarda de moitas vidas.
Unha medida importante, aprobada por tódolos grupos políticos, porque a fin de contas os vehículos que circulan polas nosas estradas son de diferentes gamas e cores, a seguridade necesaria para salvar unha vida non pode ter cor, nin tampouco matices.