Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

7 de junio de 2011

valedor do pobo

Benigno López, actual Valedor do Pobo, ven de constatar na presentación do seu informe anual que a tan cacarexada austeridade do PP ten derivado en profundos recortes sociais durante os dous anos de goberno de Feijóo, “na cuestión educativa inciden dous aspectos negativos, a calidade no ensino e as restriccións de prestacións”, no tocante á sanidade precisa a esaxerada espera nas “listas de espera” e as escasas dotacións materiais e persoais nos centros hospitalarios, sen deixar de sinalar as demoras de varios anos para cobrar as axudas dos acollidos á lei da dependencia. Nin a máis mínima dúbida de que o goberno do PP de Feijóo é austero aplicando recortes sociais e limitando dereitos cidadáns.

Que lonxe quedan as palabras de Feijóo na presentación anual dos presupostos galegos, “de cada 100 euros que gastaba o goberno de Touriño en política social, nós gastaremos dous euros máis”, tentando blindar o gasto en educación, sanidade e dependencia no medio desta crise especialmente brutal en Galicia. Traspasada a metade do seu mandato deste demoledor informe do Valedor deducimos que, ó contrario do afirmado, a xestión dos dirixentes populares en Galicia ten propiciado acusados recortes sociais, con fortes restriccións económicas e inxustificados atrasos nas prestacións educativas, sanitarias ou sociais.

Un informe que fala abertamente das restriccións orzamentarias no ensino público, non así no privado e concertado que gozan de excelente saúde, con recortes esaxerados nas prestacións complementarias, especialmente en comedores e transporte, amén da supresión da gratuidade dos libros de texto, peche de escolas ou diminución continuada de persoal docente. Coincido plenamente coa valoración do Valedor, “as restriccións económicas deberían afectar á educación como última alternativa”.

Non teñen desperdicio as súas referencias ós casos concretos como aquel dunha nena de sete anos, que reclamaba coller o bus escolar diante da casa e sen modificar a ruta nin o tempo de percorrido, aducindo razóns de perigo con tráfico intenso e falla de beirarrúas ou iluminación, argumentos relevantes e razoables que contrastan coa negativa resposta da consellería que chegou a cualificar as exposicións do Valedor como esaxeradas.

Xunto ó ensino tamén a sanidade, polo excesivo tempo de espera na atención sanitaria, e a dependencia resultan especialmente críticos neste informe do pasado ano 2010. Segundo o mesmo as valoracións das persoas dependentes para facer efectivas as súas prestacións non poden quedar “sine die” por cuestións puramente orzamentarias e fóra de toda lóxica, nun contexto no que se seguen a producir abundantes casos de falecemento antes da aprobación da oportuna prestación. Con relativa frecuencia non se cumpren os prazos de resolución dos expedientes, e resulta máis que evidente a escaseza de prazas residenciais, centros de día e mesmo axuda no fogar.

Os datos non deixan lugar a dúbidas e veñen a sustentar a dureza da realidade: un de cada cinco galegos en listas de espera, preto de corenta mil dependentes agardan a súa prestación, oitenta mil familias teñen que pagar os libros de texto e moitas máis terán neste ano rebaixas nas subvencións escolares, subidas nos comedores e recortes no transporte escolar; supresión de escolas rurais e máis de cincocentos docentes, privatización da xestión de novos hospitais que incluso poderá chegar ós centros de saúde de nova creación, ou aquel frustrado intento de reducir o número de medicamentos ós que todos temos dereito.

Galicia xunto a outras comunidades autónomas gobernadas polo PP sitúanse na cola de España no gasto social, educativo, sanitario e de atención ós dependentes. Feijóo representa ese modelo de goberno austero que Rajoy preconiza: aforrar a conta dos recortes sociais e converter os servicios e dereitos que hoxe son universais, públicos e gratuítos en servicios restrinxidos e de pago que disfrutarán aqueles cidadáns con máis posibilidades económicas. O resto quedaremos relegados a servicios de segundo nivel propios da beneficencia ou da carismática atención. Os dereitos de todos e de todas que conquistamos nestes últimos anos non poden quedar relegados ó voluntarismo social ou a permisividade gobernamental, deben de seguir a ser universais, públicos e gratuítos. De nós vai depender
.

No hay comentarios: