Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

13 de septiembre de 2011

goberno ausente

Nestes meses de verán asistimos perplexos á sublime ascensión ós altares da inutilidade dun presidente-Feijóo que permanece ausente da terra e distante dos galegos. Cun goberno descoñecido, paralizado e incompetente, onde as consellerías vexetan dende hai tempo orfas de calquera dirección e baleiras de toda xestión. Mentres en Galicia os problemas se acumulan, os dereitos dos galegos se recortan e as súas esperanzas emigran.

“Pechado para folgar“ colga dende hai tempo das portas dos despachos “popularistas” desta dereita que hoxe nos manda, consecuencia directa da súa manifesta incompetencia e do seu reiterado desamor por Galicia, porque tamén con eles estamos a descubrir que todo aquelo que se crea ou se fai en Galicia resulta ser demasiado galego.
No ensino vivimos nunha crispación constante, debidamente alimentada pola ideoloxía privatizadora do PP, cun deterioro constante nas escolas públicas e unha potenciación indecente dos colexios concertados e privados a conta do erario público. Privilexios duns poucos versus dereitos de todos.
Na sanidade semella do mesmo, aforros continuados en persoal, centros, especialidades ou fármacos sitúan a saúde galega no ámbito da inseguridade e posible colapso. O negocio empresarial da saúde reverdece polo permanente desvío de renda sanitaria a clínicas privadas. Ben o saben os de Lemos ou a Mariña co desmantelamento hospitalario e o déficit sanitario acontecido. Mesmo Lugo deixa moito que desexar na súa oferta médica, cun novo hospital incompleto e un servizo de saúde constantemente agredido polas míseras medidas de aforro do PP.
Un Presidente está para gobernar e tomar decisións, e cando non se está para o que se debe estar un acaba sendo mestre do escapismo e da distracción. Viaxar, criticar ou mentir dan moito de sí e Feijóo ben o sabe: viaxar á vez que permite coñecer lugares nos distancia dos problemas; criticar e falar do que outros fan tampouco está mal, ¡canta adicción manipuladora acumulada en torno ó AVE galego e o ministro Blanco!; non informar dos incendios ou das corruptelas do IGAPE e SOGAMA, ou mentir con descaro sobre as listas de espera ou do paro son xa o pan noso de cada día.
A mellor política do PP contra do lume sempre foi o mal tempo, porque cando chove non hai lumes. ¿Para qué prevención ou axudas veciñais para limpar montes?, ¿para qué tantos medios técnicos ou brigadas de persoal?, malo será que non chova e si non chove pechamos e calamos, porque cando non se informa tampouco hai lumes.
Trampas e ocultacións son xa cotiás no presidente do PP galego, minte cos incendios, nas listas de espera, nos recortes no ensino e no número de galegos e galegas que non teñen traballo, tamén cando fala de baixada de impostos e a realidade é ben a contraria: subidas encubertas nos recibos da auga polo canon de saneamento e unha desorbitada revalorización das vivendas. O relatorio oficial destes anos de goberno non fan máis que confirmar a Feijóo coma o presidente máis viaxeiro, mentireiro e trapallas da nosa historia autonómica.
A realidade e os datos son os que son: 80.000 familias que teñen que pagar os libros de texto, máis de mil mestres e profesores menos nas escolas galegas, máis de 120.000 galegos nas listas de espera, e case que o dobre nas do paro, e outros 40.000 dependentes tamén en espera desesperada, miles de traballadores do mar sen seguro colectivo da Xunta, e moitos máis miles de xoves afectados pola supresión do noitebús, e a contar....
Todo canto digo pode ser lóxicamente cuestionado por vir de quen ven, dun socialista lugués, por iso coido non teñen desperdicio as manifestacións ó respecto do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que ten destacado o “importante y difícil trabajo del Gobierno gallego en este momento de reajuste presupuestario”, subliñando que o goberno que preside Feijóo "tienen que centrarse en el ajuste del gasto público a lo verdaderamente importante", dito doutro xeito: importante e difícil traballo de todo un goberno co seu presidente á cabeza para recortar na educación, saúde e nas prestacións sociais. Queda claro, están tan rebentados de recortar que imperiosamente necesitan dunhas vacacións.

No hay comentarios: