Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

10 de noviembre de 2011

arde Auriensis

Que ninguén se leve a engano, os nosos veciños de Ourense non están a plaxiar o espectacular “Arde Lvcvs” desta nosa cidade amurallada e bimilenaria que durante uns días ó ano, e xa vai para dez, se recrea no seu pasado romano. Nada máis lonxe da realidade porque tampouco llo íamos permitir. Desgraciadamente o Arde Auriensis ven a conto polo acontecido nestes últimos días cando unha vaga de lumes arrasaba esta provincia veciña que ten ardido polos catro costados.

Xa non hai lumes nos montes galegos, certo, porque chove. E xa todos podemos ser testemuñas agradecidas desa máxica fórmula anti-incendios dos mandamases do Partido Popular: “cando chove non hai lumes”, algo que Feijóo ten ben aprendido porque malo será que neste noso país dos mil ríos algún día non chova, e por fin choveu.

O mal tempo en Galicia sempre foi a resposta exitosa do PP ós incendios forestais, ¿para qué logo gastar en medidas de prevención ou conceder axudas veciñais para limpar montes?, ou ¿para qué contar con tantos medios técnicos ou contratar máis brigadas de persoal?, seguro que choverá e mentres non chova exerceremos o dereito de pernada na comunicación e caladiños agardaremos, porque segundo o mesmo ideario desta dereita indolente cando non se informa tampouco hai lumes.

Estamos agora no tempo dos balances que deberían desterrar a constante ocultación de datos e responder con claridade meridiana ó número real de incendios e hectáreas queimadas, poderiamos así avaliar debidamente tódolos danos causados e proceder á compensación económica e social dos milleiros de afectados, así como planificar a urxente restauración do patrimonio forestal e medioambiental asolado.

É tempo seguro de culminar actuacións policiais para perseguir as malas conciencias incendiarias que se teñan producido, pero tamén de esixir responsabilidades políticas ós que dende os despachos da Xunta tiñan obriga de ter planificado a prevención, coordenado a limpeza e vixilancia dos montes, e dirixido nestes días a extinción dos lumes . Pero pouco poderemos esperar dun goberno ausente que non sinte a Galicia nin se ocupa dos problemas dos galegos.

Eso sí, o que mellor sabe facer o señor Feijóo, ademais de viaxar e mentir porque éche moito o que viaxa e minte este home, é botar as culpas a outros, neste caso repartiunas entre os membros da policía e garda civil por non haber evitado os lumes e apresado os “sospeitosos incendiarios” e os propios militares da UME por non apagalos, cando foron realmente os que sempre, e ás veces en solitario, estiveron ó pé dos lumes facendo un traballo extraordinario e fundamental para o seu control e posterior extinción, con máis de 850 efectivos, 20 medios aéreos e 190 terrestres desprazados a Galicia.

O que este señor cala é que a competencia na prevención e loita contra os lumes tena en exclusiva o seu goberno, o que non di é que neste mesmo ano anularon a maioría das partidas orzamentarias para prevención, vixilancia e control, nin que abandonaron as políticas de axudas ós concellos e veciños para limpeza de montes e reduciron á metade en número e duración os contratos das brigadas galegas de intervención. Desculpas de mal pagador ou mentiras de mal xestor porque cando o monte ardía asistíamos perplexos ó esperpento feijooniano de ver como militares da UME, trasladados dende outras comunidades, apagaban os lumes ó tempo que brigadistas da Xunta se apuntaban nas listas do paro por cese do seu contrato.

Hai anos neste país, cando mandaba o mesmo PP de Aznar e Rajoy, houbo quen estaba de cacería mentres a negra sombra do Prestige asolaba as nosas costas e praias, agora cando o lume devastador avanzaba polas terras do outro lado do Miño, estes “eficientes xestores”, do mesmo PP, estaban de vacacións ou de “champions”. Por canto tempo seguirán mexando por nós...?

No hay comentarios: