Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

9 de marzo de 2011

incompetente competencial

Hoxe, as mulleres e homes que nos están vendo saben que miles de persoas engrosaron as listas do paro en Galicia, e este Goberno é responsable desta situación ”. Estas palabras poderían pero non son miñas, son as palabras do señor Feijóo-opositor pronunciadas o 7 de outubro de 2008 no debate do Estado da Autonomía culpando directamente ó Presidente Touriño do incipiente incremento do paro producido naquel intre.

Na memoria permanece tamén o Feijóo-candidato do 2009, cando en plena euforia electoralista escenificaba o seu “Contrato con Galicia” e situaba o paro galego como resultado das políticas do Goberno de Touriño. Dicía daquela que a súa prioridade sería o desemprego e prometía 50 plans, nada se sabe deles, contra un paro que hoxe medra escandalosamente e sobre o que agora nega ter competencia algunha.

Agora sabemos que nun exercicio camaleónico de populismo, o Feijóo-xestor pretende reducir as listas do paro apartando delas aqueles de longa duración, que “por procesos de orientación serán suspendidos como demandantes de emprego”, de xeito que así deixarán de computar nas estatísticas do paro. Nova argallada feijoniana coa que chegaremos a unha conclusión máis que evidente: se non hai listas do paro, non haberá parados.

Hoxe, no 2010 e con Feijóo no goberno, Galicia lidera a destrucción de emprego no Estado, con preto de 250.000 galegos e galegas en situación de paro. Pasamos de ser unha das comunidades cun menor crecemento do paro en 2009 a estar nas cinco primeiras onde máis medra; pasamos de ter un incremento do paro vintecinco puntos por debaixo da media española a superala hoxe en dous puntos. E cando, como é obrigado, se lle piden responsabilidades ó Feijóo-gobernante a súa resposta nos deixa atónitos, “seguimos a loitar contra o paro a pesar das poucas competencias que temos en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha”. ¡ Apoteósico !

De nada servirá recordarlle ó señor Feijóo que o goberno de Galicia si que ten competencias no emprego dos galegos e galegas. De nada servirá dicirlle que a Xunta é a autoridade laboral na nosa comunidade e que o abano competencial de Galicia en materia de emprego, dende o seu Estatuto de Autonomía de 1981, é extenso en materias transferidas e intenso no contido das mesmas.

De nada servirá porque aínda que temos un presidente moi espabilado na promoción de fin de semana da súa estampa política, dentro e fóra de España, non deixa de ser un presidente ausente e mentireiro, que se prodiga no escapismo máis publicitado e recorre frivolamente á teoría do inimigo exterior cando se trata de resolver os problemas de Galicia e das súas xentes.

Son máis de vinte Reais Decretos que, entre 1993 e 2006, deixaron nas mans do goberno galego a xestión da formación profesional ocupacional, os programas de apoio ó emprego, todo o relativo ás cooperativas e sociedades laborais, a seguridade e hixiene no traballo, os servizos públicos portuarios, tamén a xestión do INEM sobre traballo, emprego e formación, todo o relacionado coa mediación, arbitraxe e conciliación laboral, a inspección de traballo e a xestión dos EREs, tamén a xestión e planificación das políticas de emprego, tanto nas accións formativas como nas políticas activas, as competencias en materia asistencial, social, laboral e formativo do ISM, e mesmo as garderías infantís laborais. Practicamente toda a política laboral, a excepción das prestacións por desemprego que segue a manter o goberno central en toda España.

“Mire, o fracaso da súa política económica se mide no número de parados”. Tampouco son miñas, a pesares dos case cen mil empregos destruídos baixo o mandato de Feijóo, cen mil motivos máis que hoxe temos tras dous anos de desgoberno do PP en Galicia. Tampouco son miñas, son palabras do Feijóo-opositor no Parlamento de Galicia, dirixíndose ó Presidente socialista da Xunta, en novembro de 2008.

Manifestacións que desbordan en desfachatez e descaro e non teñen precedente na gobernación deste país. Cando Feijóo estaba na oposición o mínimo crecemento do paro en Galicia era responsabilidade grave e directa de Touriño e o seu goberno, hoxe cando a destrucción de emprego resulta insufrible e alcanza cifras de escándalo nunca vistas nesta terra, o Feijóo-presidente dinos que apenas ten competencias.

Temos aquí o mellor dos exemplos da incompetente xestión que un presidente autonómico fai das súas competencias sobre o emprego na súa Comunidade. Para desgracia de todos no goberno galego contamos cun auténtico incompetente competencial, o señor Feijóo-popular
.

1 comentario:

Rafa Castillo. dijo...

Lucho. Estráñame que despois de tantos anos en política esperes aínda algo de coherencia no PP. Piensa que ata as súas siglas son confusas e saltan, segundo as circunstancias, de Partido Papista a Partido Populista, a Partido Proletario, a Partido Pendenceiro (nos parlamentos) ou a Partido (do) Prestige (pola súa capacidade de xestión).