Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

9 de marzo de 2011

arbitrario e inxusto

Ninguén vai discutir, e menos en tempos de crise, sobre a imperiosa necesidade dunha xestión axeitada, eficaz e razoable do gasto farmacéutico. Cando os socialistas tivemos responsabilidades de goberno en Galicia melloramos o control do gasto sanitario, centralizando a compra de fármacos, reforzando a prescrición por principio activo e incrementando o uso de xenéricos, porque aquí é onde realmente está a clave do aforro farmacéutico e dunha política sanitaria eficiente. Precisamente porque na prescrición de xenéricos o conxunto do Estado sitúase xa no 26 por cento, mentres que en Galicia non chegamos nin ó 14.

Nestes dous anos de Feijóo no goberno da Xunta pasamos de ser unha das primeiras comunidades onde menos crecía o gasto farmacéutico e o número de receitas a ser neste 2010 a segunda de España onde máis se ten incrementado este gasto, como consecuencia da súa nefasta e caótica política sanitaria. Para disimular esta desfeita o goberno de Feijóo acaba de impoñernos un catálogo que deixa ós galegos e galegas con 427 medicamentos menos que ó resto de cidadáns españois.

O primeiro que hai que dicir é que a incorporación ou non dun medicamento na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde é unha competencia única e exclusiva do Estado, quen ten como obriga constitucional garantir a equidade do sistema sanitario e o dereito de tódolos cidadáns no acceso ós mesmos medicamentos en todo o territorio español. Por iso esta decisión arbitraria e unilateral do PP é inxusta e inconstitucional, porque recorta dereitos dunha parte da cidadanía, a que vive en Galicia, no acceso ás mesmas prestacións sanitarias.

O propio Consello do Estado é rotundo e clarificador cando denuncia a invasión de competencias estatais, como esta da coordinación xeral da sanidade en España que lle corresponde exclusivamente ó goberno central, como único capacitado para fixar a carteira común de servicios e prestacións básicas, incluída a financiación de productos farmacéuticos. As comunidades como a Xunta sí que poden establecer os seus propios catálogos pero sempre a partir do común e básico do Estado, é dicir, pode ampliar servicios ou prestacións, pero nunca reducilos como está a facer neste caso o PP de Feijóo en Galicia.

O Partido Popular sempre tivo un xeito moi particular de semellar ser austeros: reducindo o gasto público a conta dos dereitos cidadáns ou, como neste caso, a conta das prestacións sociais. O mesmo ocurrira cando decidiron suprimir o programa de gratuidade dos libros de texto ocasionando ás familias galegas un gasto innecesario e tamén inxusto de 300 euros por neno cada ano. Non se pode ser austero a conta da saúde dos cidadáns.

Pero o debate real atópase naquilo que está a supoñer a imposición deste catálogo polo goberno de Feijóo. De entrada, rómpese a caixa única do medicamento en España, cunha clara discriminación dos galegos e galegas con respecto ó resto dos cidadáns que seguen a disfrutar do total de fármacos, co agravante de que aqueles que vivimos en Galicia pagamos as mesmas cotas á Seguridad Social e os mesmos impostos, pero sanitariamente non temos os mesmos dereitos e prestacións que os nosos veciños de Asturias, León ou Zamora.

Ocorre así que moitos cidadáns despois de anos consumindo un mesmo medicamento terán que deixar de usalo, e moitos deles van a optar por pagalo antes que cambialo, sobre todo naquelas persoas de maior idade, doentes crónicos ou cando se trata dos nenos, porque en todo tratamento médico sempre hai un factor suxestivo e persoal que sen dúbida reforza o seu valor terapéutico. Porque como ben dicía hoxe un paisano á saída do PAC, “dinche que é o mesmo, pero non cho é”.

O máis grave todavía é que non só discrimina ós galegos co resto de España, tamén en Galicia se establece unha discriminación escandalosa porque os cidadáns que somos funcionarios nonos veremos afectados por este recorte imposto, arbitrario e inxusto do goberno de Feijóo. Agora, si o Constitucional non o remedia, teremos galegos de primeira e galegos de segunda, en relación ós tratamentos que reciben da sanidade galega que xestiona o Partido Popular.

Por iso o Goberno de Zapatero ten recorrido diante do Tribunal Constitucional por ser esta unha competencia exclusiva do goberno central, pero tamén é consciente da necesidade de conseguir a mellor e máis eficiente xestión nos servicios públicos e prestacións sociais. Por iso está a tomar novas medidas sobre os prezos de referencia e as prescricións por principio activo, en coordinación con tódalas Comunidades Autónomas, que segundo os cálculos establecidos permitirannos aforrar máis de 120 millóns de euros en Galicia, iso sí, sen recortar ningún dereito ós galegos, nin clasificar ós galegos por categoría profesional.

Medidas serias e responsables que non rompen a equidade no Sistema Nacional de Saúde e non provocan ningunha discriminación dos galegos e galegas con respecto ó resto de cidadáns españois. O demáis son contos chinos ben publicitados a través dos medios para disimular a desfeita que este goberno do PP de Feijóo está a facer na sanidade, educación e asistencia social en Galicia
.

No hay comentarios: