Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

31 de marzo de 2011

dous anos de desgoberno

Ata o de agora cando un conselleiro ou conselleira visitaba un concello, a pregunta obrigada era, ¿e logo, que nos trae?. Hoxe, tras dous anos de desgoberno de Feijóo na Xunta, non hai quen se resista a mirar ó redor do ilustre visitante para ver si se leva algo do que xa tiñamos.

A conta da crise, porque a crise pode con todo e se non sempre estará Zapatero para botarlle as culpas, a nova dereita galega está a impoñer en Galicia graves recortes sociais e unha merma considerable dos servizos públicos. Por decisión deste goberno xa contamos con 80.000 familias que tódolos anos teñen que pagar os libros de texto dos seus fillos, uns 300 euros por neno e ano, por non falar da redución de máis de 600 profesores na primaria e secundaria, supresión de módulos na FP, eliminación de comedores escolares, recortes no transporte e inversións, e mesmo peche de escolas rurais e unidades educativas que son unha constante desta política antisocial do PP de Feijóo.

A nosa saúde trata de recuperarse dos virulentos ataques ó que nos ten sometidos, coa paralización dos quirófanos de tarde, a manipulación descarada das listas de espera, con máis de 120.000 doentes que desesperan na espera, agora tamén en atención primaria. Cando a dereita quere parecer austera non aforra en méritos como o intento baldío de impoñer un catálogo que deixaba ós galegos e galegas con 427 medicamentos menos que ó resto de cidadáns españois.

Hoxe temos xa 40.000 dependentes galegos que agardan unha axuda á que teñen dereito e co PP no goberno non lles vai chegar a tempo. ¿Quen non acorda o compromiso de Feijoo no 2009?: “en 45 días todos terán recoñecida a súa prestación”. Nin axudas nin centros, porque nestes dous anos apenas abriron algún dos 30 centros de día construídos polo goberno Touriño. Non se pode entender tampouco o cruento tixeiretazo nos fondos galegos de loita contra da exclusión social e a pobreza, xestionados a través dos concellos. Co PP na Xunta 30.000 traballadores do mar xa perderon o seu seguro colectivo de accidentes. E qué dicir da inseguridade que acocha ós 300.000 dos nosos mozos e mozas que xa non contan co seguro do noitebús nas noites de movida. Tamén llelos quitaron.

E se analizamos con atención a situación do paro vemos como se ten invertido a tendencia coa chegada de Feijoo á Xunta. Ata 2009 tódolos índices marcaban un mellor comportamento do emprego en Galicia con respecto a media estatal, con Feijoo no goberno somos nós os que empezamos a superar ó resto de España no crecemento porcentual do paro. Así a economía galega perdeu nestes dous anos de desgoberno popular o diferencial positivo que tiñamos respecto da española, cun proceso virulento de destrución de emprego que se ten máis que duplicado nos últimos meses.

O Partido Popular sempre tivo un xeito moi particular de aparentar austeridade: reducindo o gasto público a conta dos dereitos cidadáns e das prestacións sociais. A clave neste debate está en distinguir dereitos e dereitas, termos antagónicos que nunca se entenderon, porque a dereita de sempre non ten escrúpulos para facer aquilo que sempre quere, pero nunca di: desmantelar o estado social e apostar polo abuso da economía e o tamaño da carteira. Algúns sempre estamos pola igualdade de oportunidades de todos e de todas, para todos e para todas, outros só gobernan por acaparar tódalas oportunidades.

Nestes dous anos de desgoberno de Feijóo, perdemos dereitos que xa tiñamos tódolos galegos e galegas. Nonos sorprende porque gobernan coas receitas da dereita de sempre, e porque temos un presidente incapaz de asumir algunha responsabilidade, ben por incapacidade declarada, ben polas permanentes ausencias do seu lugar de traballo, un Feijóo mentireiro coma ninguén e intrépido viaxeiro que se prodiga maxestosamente polas pasarelas mediáticas de fin de semana. A boa nova, xa queda menos para recuperar o camiño social de progreso que Galicia necesita e nunca debeu perder
.

No hay comentarios: