Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

12 de enero de 2011

mobilidade nas cidades

As cidades de hoxe en día son un grande activo creador de actividade e emprego, nelas orixínase todo canto cambio sexa posible. Por iso resulta fundamental saber aproveitar as inmensas posibilidades que nos ofrecen para fomentar o civismo e asentar o principio de cidadanía. Aprender a vivir en comunidade cumprindo unhas mínimas e necesarias normas de convivencia, compartir a vía pública e respectar os espazos urbanos, e sempre pensando nos outros.

Nos últimos anos estamos a vivir unha auténtica espiral no incremento do tráfico urbano, con graves efectos na contaminación, ruído, atascos e accidentes, que inciden moi negativamente na calidade de vida dos cidadáns. Sabemos que a condición previa indispensable para unha boa política de seguridade viaria está nunha boa política de mobilidade. Os actuais gobernantes teñen por diante un desafío realmente complexo e difícil, o desafío da mobilidade nas súas cidades: onde, cando e como desprazarnos.

Neste contexto, o primeiro paso a dar terá que ser un cambio de mentalidade en torno ó que ten que ser o verdadeiro protagonista da mobilidade urbana, o cidadán fronte ó automóbil. Ata onte, toda política de transporte urbana se concibía e planificaba para dar respostas ás necesidades do automobilista e solucionar os problemas da circulación, hoxe temos o novo reto de mellorar a calidade de vida nas cidades, por iso teremos que afrontar un novo modelo onde teremos que falar de mobilidade e non de circulación, onde teremos que marcar prioridades nos diferentes actores que interfiren na vida cotiá: cidadáns, vehículos motorizados ou non, públicos ou privados, persoais ou comerciais, ...

Porque nun mundo tan competitivo e global como este que nos toca vivir, as nosas cidades estanse a xogar moito no terreo dunha mobilidade que se nos esixe altamente segura e no tempo sostible. Sostible porque a cidadanía é cada día máis esixente no respecto ó medioambiente e na defensa do público e común. Segura porque a realidade é teimuda, e resulta un feito, lamentable pero certo, que hai máis accidentes con vítimas nas cidades que nas estradas, chegando no pasado ano ata o 55 por cento do total.

Lamentable, pero certo, que os atropelos de persoas teñen un perfil eminentemente urbano, onde xogan un papel relevante elementos propios e característicos dunha cidade: diferentes modos de desprazamento e conducción, pasos de peóns e semáforos, maiores e nenos, polo día ou de noite, sinalización e iluminación, aglomeracións e aparcamentos, mercadorías e cidadáns, laborais e festivos.

Nesta liña deberemos traballar dende as administracións pola mellor e máis segura mobilidade urbana atendendo a obxectivos irrenunciables para mellorar a calidade de vida nas cidades, sabendo que nelas aprendemos a conducir, que debemos priorizar a seguridade, promover os transportes públicos, protexer ós peóns (peóns somos todos), prever e promover outras formas de desprazarse (bicicletas, rúas 30, camiño escolar seguro,...), controlar velocidades e usar elementos seguros nos vehículos, respectar ó máximo as normas cívicas e viarias (semáforos, pasos de peóns, sinais, axentes,...), e por suposto incorporar as cidades nas políticas de seguridade viaria de carácter estatal e autonómico.

Tamén nas cidades é onde se realizan máis dilixencias por delitos de tráfico (alcoholemia, conductores sen permiso, atropellos,...). Todo pasa pois por un recoñecemento e reforzo do papel dos concellos e das súas policías locais na vixilancia e salvagarda da mobilidade nas vías públicas. Así, desde o 2007 o Ministerio do Interior e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) traballan, colaboran, cooperan e coordinan as súas accións en materia de seguridade viaria, no firme obxectivo de reducir os accidentes e incidir na cultura dunha mobilidade urbana sostible e segura que en todo momento nos debe preocupar e ocupar
.

No hay comentarios: