Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

18 de enero de 2011

feitos e non palabras

Dende o ano 2004, no noso país, temos vivido un avance substancial das políticas educativas, sanitarias, de pensións ou vivenda, tamén noutras como a atención á dependencia, nas que somos pioneiros en Europa. Un grande avance nas políticas sociais que ten suposto un incremento do 40 por cento no gasto público en tempos de graves dificultades económicas, de necesaria austeridade e de axuste das contas públicas. A pesares da dureza desta crise económica, o goberno socialista está a manter e garantizar as prestacións sociais fundamentais.

A orientación socialdemócrata e progresista da política de Zapatero é evidente: en tempos de bonanza económica, como vivimos ata 2008, o seu obxectivo foi acadar os maiores avances sociais e así se fixo; cando toca unha época de crise como agora, manter as grandes políticas de Benestar se converte no obxectivo central do seu proxecto político, a pesar de tantas dificultades e tan poucos apoios, dos que por certo moito falan e pouco fan.

Temos conseguido aumentar o gasto educativo ata o cinco por cento do PIB, situándonos nos índices europeos de maior investimento en educación, mesmo as becas se teñen duplicado nestes anos. Para os socialistas defender a política educativa e de igualdade de oportunidades a través das becas resulta gratificante e tranquilizador vendo o que está a ocorrer nestes días en países coma Inglaterra ou Italia, gobernados pola dereita, onde o acceso á universidade se producirá en función do tamaño da carteira e non dos méritos académicos.

Na sanidade aumentamos nun 40 por cento os recursos para a seu financiamento, mentres nalgunhas comunidades como a nosa os gobernantes do PP están a reducir drasticamente investimentos, recursos e persoal sanitarios. Tamén hoxe por primeira vez neste país e case que toda Europa preto dun millón de persoas dependentes reciben axudas dos poderes públicos.

Podemos e debemos falar de pensións, porque é falso como se di que baixarán as pensións, se ben é certo que neste ano, con fortes pero necesarias restriccións económicas, aquelas que non son mínimas só medrarán o 1 por cento. Ben certo é tamén que as pensións mínimas, 50.000 na nosa provincia, seguirán a medrar coma sempre, por enriba do que suban os prezos. Claro que podemos, e debemos dicir alto e claro que cos socialistas no goberno as pensións mínimas gañaron nestes seis anos un 27 por cento de poder adquisitivo, cando durante os oito anos de goberno do PP tan só chegaron ó 3.

A sensibilidade social cos pensionistas se demostra con feitos cando se goberna, e non coa palabrería demagóxica dunha oposición populista e irresponsable. O resultado é evidente, nos seis anos de goberno socialista as pensións subiron nove veces máis que nos oito anos de goberno popular. Feitos e non palabras.

Tamén hai que falar do paro porque estamos a vivir un dos peores momentos en relación co mundo do traballo. Cunha preocupación máxima do Goberno, compartida pola maioría dos cidadáns, porque detrás dos números hai persoas sen emprego e familias sen recursos, que teñen todo o dereito a unha vida digna. As primeiras medidas dun goberno socialista deberán ser para protexer esas familias mentres non poidan retornar ó mundo laboral, por iso a protección económica por desemprego neste país ten superado o oitenta por cento das persoas en paro. As seguintes medidas, toda vez que se teñen superado os peores momentos de destrucción de postos de traballo como semella ser, teñen que vir pola recuperación laboral a través das políticas activas de emprego concertadas con sindicatos e empresarios.

Os últimos datos da evolución do paro deixan constancia da extrema gravidade da situación galega: cando a nivel de España se contén o número de parados, en Galicia seguen aumentando de xeito significativo. Estes datos avalan as miñas palabras de hai semanas cando dicía que coa chegada de Feijóo se tiña invertido a tendencia no comportamento do emprego en Galicia, iniciándose un proceso virulento de destrucción de emprego, que se ten máis que duplicado nos últimos meses. E considerando que a Xunta ten tódalas competencias nas políticas activas de creación de emprego, algunha explicación debería darnos o señor Feijóo diante do que debería ser a súa primeira e prioritaria responsabilidade de goberno.

Resulta cando menos que imposible discutir de política social cos dirixentes populares, porque nos oito anos de goberno do PP de Aznar e Rajoy non houbo nin asomo de política social, tampouco agora nas comunidades onde gobernan porque fundamentan a súa austeridade con importantes recortes no gasto educativo, sanitario ou de protección social. Queda claro que mentres uns traballan polo país, outros barullan e critican para sacar tallada electoral, porque para pouco ou nada lles interesa o porvir deste país e o benestar da cidadanía, máis alá do seu propio proveito persoal ou partidario. Porque España e Galicia necesitan máis compromisos e menos promesas, feitos e non palabras.

No hay comentarios: