Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

7 de diciembre de 2010

incompetencia manifesta

Poderá pensarse que na crítica que algúns vimos a facer da xestión do actual goberno do PP na Xunta, estamos a caer no mesmo “pecado” de Rajoy do non polo non, do criticar por criticar e opoñerse a todo, do ningún tipo de acordo nin alternativa. Nada máis lonxe da realidade ó non ser poucas as propostas socialistas para mellorar a maltreita economía galega e non rebaixar o nivel de benestar dos cidadáns, e a nosa disposición permanente ó acordo e consenso.
Dúas reflexións a modo de exemplo: primeira, para aumentar os ingresos da Xunta non se deberían aprobar rebaixas fiscais para as altas rendas empresariais e de capital, como ten feito Feijoo, e pola contra sí deberiamos subir os impostos das rendas máis altas como se fixo a nivel estatal e nas comunidades con gobernos socialistas; segunda pola vía dos gastos, porque temos propostas orzamentarias no Parlamento concretas e asumibles, como adicar 385 millóns de euros, que o PP destinará a gastos correntes e non produtivos, para incrementar as partidas de gasto social (135), en educación, sanidade, dependencia e políticas activas de emprego, e tamén (250) para aumentar a inversión en infraestructuras e poder rematar obras estancadas na provincia.

Son moitas que poderiamos citar como medidas concretas e perfectamente asumibles, encamiñadas a mellorar a nosa economía e benestar. Porque non é de recibo que a dereita pretenda aproveitar que a crise pasaba por aquí para desempolvar as súas vellas receitas conservadoras, e impoñelas en Galicia con importantes recortes sociais, privatización de servizos públicos e retroceso nos dereitos cívicos. Porque non é de recibo que á conta da crise se pegue un cruel tixeiretazo nos fondos que se adican para loitar contra da exclusión social e a pobreza: conxelando a renda social de 378 euros (Risga) e recortando as axudas de emerxencia social a través dos concellos.

E como quen non quere a cousa, por decisión do goberno popular de Feijoo, en Galicia xa contamos con 80.000 familias que tódolos anos teñen que voltar a pagar os libros de texto dos seus nenos, e outras moitas que tamén perderon servizos escolares complementarios; ou case que 15.000 escolares que todavía agardan por uns ordenadores que xa teñen noutras comunidades.

Con máis de 120.000 galegos e galegas que desesperan nas listas de espera, mentres son habituais os escándalos no Sergas que nos últimos meses se ten convertido nun indecente coladeiro de familiares dos dirixentes dun PP onde “os vellos caciques nunca morren”.

Tamén 40.000 dos nosos dependentes agardan unha axuda á que por lei teñen dereito e co PP no goberno non lles vai chegar a tempo. ¿quen non acorda aquel compromiso de Feijoo no 2009, “en 45 días todos terán recoñecida a súa prestación”. Nin axudas, nin centros, porque todavía non se abriu ningún dos 30 centros de día construídos polo goberno de Touriño.

Co PP na Xunta 30.000 mulleres e homes, traballadores do mar, xa perderon o seu seguro colectivo de accidentes, e tamén será cuestionada a seguridade para 280.000 dos nosos mozos e mozas que a partires de xaneiro non contarán con servizo público e seguro do noitebús nas noites de movida. Dereitos que xa tiñan moitos galegos e galegas e que agora coa dereita están a ver recortados coa disculpa dunha crise que unha dereita indolente e sen escrúpulos utiliza para facer aquelo que sempre quere, pero case nunca di, desmantelar o estado social e apostar pola tiranía da economía, polo valor da carteira, que curiosamente sempre se ceba cos máis necesitados.

E se analizamos con atención o comportamento do emprego en Galicia veremos con meridiana claridade como se ten invertido a tendencia coa chegada de Feijoo á Xunta. Ata 2009 tódolos índices laborais marcaban un mellor comportamento do emprego en Galicia, con respecto a media estatal, con Feijoo no goberno estamos a invertir os termos e somos nós os que empezamos a superar ó resto de España no crecemento porcentual do paro. Así a economía galega perdeu neste ano feijoniano o diferencial positivo que tiñamos respecto da española, cun proceso virulento de destrución de emprego que se ten máis que duplicado nos últimos meses.

Cando, para ben ou para mal, un presidente non é capaz de asumir as súas responsabilidades por incapacidade declarada e permanentes ausencias do seu lugar de traballo, Galicia, Feijoo debería ter a dignidade de asumir o seu fracaso e a gallardía de abdicar desas responsabilidades.

Porque utiliza sempre as desculpas do mal pagador, das que un xa empeza a estar farto, polo seu sobreactuado vitimismo e incompetencia manifesta, algo que nos leva a pensar que si, como conta o sr. Feijoo, todo depende do goberno de Zapatero e tódolos nosos males veñen de Madrid, ¿para qué un goberno do PP na Xunta?. Mellor sería abandonar a poltrona e adicarse a outra cousa, por exemplo coller a maleta e a viaxar, que se aprende moito e semella dárselle ben.

Pero por moito que se empeñen no PP galego, a Xunta non é nin será unha delegación subvencionada do goberno de España en Galicia, tampouco unha plataforma mediática e mediatizada para a súa proxección política e ambición desmedida, tal como pretende o señor Feijoo
.

No hay comentarios: