Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

8 de noviembre de 2010

plans de axuste económico

A Unión Europea traballa intensa e conxuntamente contra unha das maiores crises económico-financeiras acontecidas con afán de superación, salvagarda dos valores e principios democráticos e garantía dos niveis de benestar acadados nos últimos cincuenta anos. Nesta empresa Europa afronta un dos seus maiores retos: reducir o déficit dos estados membros en máis de 300.000 millóns de euros en catro anos, superar a recesión económica e iniciar a recuperación do emprego, o primeiro e principal problema que hoxe temos. Porque nun mundo global onde todo se move, España, toda Europa, non poden permanecer quedas.

Así Inglaterra, Portugal e Grecia deberán reducir 120.000, Alemaña 80.000, Francia 40.000, e mesmo España reducirá uns 20.000 millóns de euros neste tempo. Unha primeira lectura do “nivel perigoso” do déficit acadado indica a situación menos alarmante do noso país no concerto da eurozona. Punto e aparte deberá ser o análise pormenorizado das solucións propostas por cada quen para afrontar esta redución necesaria, solucións que afectan, e moito, ás vidas dos seus cidadáns.

España ten adoptado medidas de axuste económico difíciles e dolorosas, pero necesarias para evitar males maiores e afrontar con esperanza o futuro, medidas de austeridade no gasto e de reformas estruturais nos mercados económico-financeiros e nas relacións socio-laborais; todo elo acompañado do maior esforzo posible na protección social das familias (educación, saúde, dependencia, becas) e dos parados, consolidando as súas prestacións por desemprego ata límites xamais acadados e dificilmente igualables no resto de Europa.

Para poder valoralas dende a racionalidade e o sentido común, deberemos analizalas na súa integridade, tamén comparalas con aqueloutras tomadas polos países que nos acompañan nesta andaina europea e por suposto chegar a coñecer as alternativas da propia dereita española.

Os recortes salariais a empregados públicos é unha medida adoptada pola maioría dos países europeos, algúns deles teñen ido máis aló con medidas de recortes no persoal (despidos) das administracións públicas, como Alemaña (15.000) ou Inglaterra (500.000). As subidas do IVE español ata o 18 por cento segue a estar por debaixo da media europea e lonxe doutras subidas acontecidas en Inglaterra (20), Grecia (24) ou Portugal (23). E cando en España blindamos a protección social, chegando no vindeiro ano ó 58 por cento do presuposto total de gastos, países como Alemaña, Inglaterra, Italia ou Portugal recortan drasticamente as axudas sociais.

Tampouco estaría mal saber que propoñen aqueles que poderían estar ou aspiran a estar no goberno. Está ben, é lexítima e ata pode resultar un estímulo para o goberno a existencia dunha oposición dura, crítica e negativa, pero a cidadanía tamén ten o dereito de coñecer as propostas ou medidas alternativas diante de problemas acontecidos. Precisamente nestes días o xefe popular “saía da cama”, onde os seus asesores lle recomendaron permanecer “sine die”, e empezamos a coñecer algo dese plan deliberadamente oculto e debidamente ocultado de Rajoy. Un plan oculto e ocultado, que existe pero non se coñece, porque segundo o argumentario popular: canta máis crise, peor para Zapatero; e canto menos Rajoy, mellor para o PP.

Falou Rajoy e dixo estar dacordo coas receitas económicas de Cameron, o primeiro ministro británico, situándose inequivocamente na órbita das contra-reformas sociais: máis reforma laboral, despido masivo de empregados públicos, recortes nas políticas sociais, privatizacións de servizos básicos educativos, sociais ou sanitarios, algo que xa están a practicar nas comunidades de Madrid ou Valencia e mesmo experimentan en Galicia; privatizacións tamén de infraestruturas portuarias, aeroportuarias ou ferroviarias, por non falar do freo e marcha atrás no campo dos dereitos e liberdades. Sen dúbida un paso atrás en toda regra.

Esta é a dereita que temos, a de sempre, a representada por un partido cada día máis “popularista” (popular-populista), e digo ben, porque contan cun programa popular que trata de ocultar as súas verdadeiras intencións pro-privatizadoras e anti-sociais con proclamas populistas ben anunciadas de menos impostos e máis de todo e para todos. Sen dúbida a grande mentira da dereita, a cuadratura do círculo “popularista”: ingresar menos, gastar máis e reducir o déficit.

Rajoy falou hai uns días, e vaia se falou, tanto que soaron tódalas alarmas en Génova 13 e ó momento tiveron que recuar e desculparse con aquilo de que non leran ben a letra pequena dos recortes de Cameron. O programa real do PP pasou de novo a ser debidamente ocultado, e Rajoy tornou á cama. Cuestión de votos.

Tomemos boa nota, ninguén vende pesos a catro pesetas
.

No hay comentarios: