Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

3 de noviembre de 2010

Colaboración público-privada


Non cabe dúbida de que o goberno socialista de Rodríguez Zapatero ten unha aposta decidida polo impulso das infraestruturas en Galicia; traballa dende hai anos na mellora das comunicacións terrestres, viarias e ferroviarias, con investimentos millonarios como nunca se recorda. Neste mesmo ano Galicia, cunha inversión superior ós 2.000 millóns de euros, situouse nas seis CCAA con máis inversión pública do Estado e nas tres, xunto a Cataluña e Valencia, con máis inversión en ferrocarril.
A comparativa temporal das inversións é incuestionable e rotunda: seis anos de goberno de Zapatero con 10.500 Millóns de €uros duplican a inversión de oito anos de goberno de Aznar e Rajoy (5.500 M€). A inversión estatal en Galicia está no 8´5 % do total de España, mentres a nosa aportación ó PIB español é do 5’2 %, e a nosa participación poboacional do 6 % estatal.

Precisamente no tempo que se corresponde coa xestión do ministro José Blanco, téñense executado en Galicia máis de 1.500 millóns de euros na mellora das infraestruturas de Fomento. E digo ben, téñense executado, non prometido, nin presupostado, nin licitado. Sen dúbida a maior execución inversora da historia de Galicia, nun ano 1.500 millóns de euros de obra pública.

Por certo, resultaría moi clarificador recordar que durante os gobernos de Aznar e Rajoy nunca se pensou en dúas obras fundamentais para o desenvolvemento desta provincia e básicas no futuro de Galicia, a conexión de Lugo vía León-Ponferrada-Monforte, como solución idónea do tráfico ferroviario de mercadorías, nin a futura autovía A-72 dende Ponferrada a Ourense, pasando por Monforte, que o Partido Popular sempre negou. Sen dúbida obras singulares que apostan decididamente pola conversión da nosa provincia en modelo estratéxico de comunicacións de transporte, nunha década na que a provincia de Lugo contará con máis de catrocentos quilómetros de autovía, unha liña de alta velocidade para viaxeiros e outra de transporte de mercadorías por ferrocarril, que veñen a confirmar a referencia potencial do eixo Baamonde-Lugo-Sarria-Monforte como plataforma loxístico-empresarial do noroeste peninsular, con Monforte como centro capital do transporte de mercadorías de Galicia.

Estamos pois diante dunha estratexia de inversión imprescindible para o desenvolvemento económico de Galicia, nun desafío permanente para acurtar tempos e distancias que hoxe nos separan do resto de España e Europa. Porque cremos firmemente nas posibilidades do país e que as infraestruturas de transporte son de vital importancia para vertebrar o territorio e favorecer a mobilidade dos galegos e galegas.

Por iso a grande maioría destas inversións están a ser para completar a rede de autovías interiores que nos unirán ás principais cidades galegas e rematarán a conexión co Cantábrico e Portugal, tamén para dar o maior dos impulsos coñecidos ó novo ferrocarril de Galicia, porque o AVE galego é unha prioridade absoluta e como tal deberá ser o punto de referencia a partir do que se reorganice o noso sistema ferroviario, que deberá ser sostible, intermodal e cos máximos niveis de eficiencia.

A nivel de España, estes seis anos de goberno socialista teñen servido para situarnos como primeiro país da Unión Europea en quilómetros de autovías e pronto seremos tamén o país coa maior rede de Alta Velocidade. Unha forte inversión pública que tamén ten contribuído a que as empresas do sector sexan referentes de primeiro nivel no mercado internacional. Estamos pois á cabeza de Europa en materia de infraestruturas de transporte, pero con algún déficit a corrixir, o transporte ferroviario de mercadorías, sen dúbida clave para reducir os custos loxísticos e potenciar a competividade empresarial.

Chegados a este punto é o momento en que, con sentidiño e visión de futuro, empecemos a reflexionar sobre as políticas públicas de inversión, máis nos tempos de austeridade que nos toca vivir. Porque temos que contribuír á saída desta profunda crise con políticas inversoras que prioricen aquelas infraestruturas que realmente favorecen a cohesión territorial e aportan valor engadido á nosa economía.

Seguramente que en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias estamos no tempo de pensar nun cambio de mentalidade e forma de facer política, para deixar de medir a xestión dun goberno en millóns de euros invertidos, toneladas de aglomerado ou quilómetros inaugurados. Deberiamos pasar a un debate máis racional e obxectivo. Deberiamos pasar ó debate da comunicación, da conectividade e a intermodalidade, da mobilidade cidadán e da seguridade, da sustentabilidade e da eficiencia no servizo público. Tamén ó propio debate do financiamento das infraestruturas.

A política de financiamento das infraestruturas, como todas as políticas que consumen grande cantidade de recursos públicos, ten que ser repensada. Trátase de mellorar a xestión do sistema español de comunicacións e transportes integrando nel a tódolos axentes afectados, modificando no que sexa necesario a normativa vixente e abordando en profundidade novos modelos de financiamento, que aporten estabilidade á nosa rede viaria e ferroviaria.

Porque en materia de infraestruturas nada é de balde, e menos poderá ser en tempo de crise e restrición, e temos que admitir que a canteira de fondos europeos esgotarase en poucos anos. Teremos pois que revisar moitos vellos dogmas sobre o que debe ser público e o que podería ser privado, e idear novos modelos para financiar aquelas obras de nova creación, e conservar ben as que xa temos, tamén porque teremos que pensar nun marco duradeiro de estabilidade empresarial no sector.

Trátase de facer compatible un extraordinario esforzo de austeridade no gasto, coa necesaria inversión naquelas infraestruturas que nos permitan seguir avanzando en benestar e modernidade. A construcción dun quilómetro de autovía ou de alta velocidade ten que servir para desenvolver un país, non para afogalo economicamente. Polo camiño da colaboración público-privada no financiamento de infraestruturas viarias e ferroviarias lograremos manter os niveis de inversión dos últimos anos, e moitas obras afectadas polos recortes orzamentarios poderán seguir a súa tramitación e execución.

O Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e o ministro de Fomento, José Blanco, presentaron en abril o Plan Extraordinario de Infraestruturas (PEI) que ten por obxectivo reactivar a economía e o emprego a través da inversión en infraestruturas do transporte, co novo modelo de colaboración público-privada que permitirá anticipar licitacións de obra pública por valor de 17.000 millóns de euros.

Este plan é unha aposta conxunta do Goberno, as entidades financeiras e as empresas do sector, nunha aposta decidida pola seguridade e a calidade das infraestruturas onde a conservación e o mantemento resultan imprescindibles. Cun novo marco de financiamento que recorre ó modelo concesional, establece o pago das infraestruturas, unha vez rematadas e postas en servizo, nun tempo de 25 a 30 anos, e non compromete os obxectivos de diminución do déficit público.

O pago realizarase ó concesionario (empresa adxudicataria) mediante un canon único que contempla a inversión, a conservación e o mantemento das infraestruturas. Deste xeito afrontar o reto das novas infraestruturas viarias e ferroviarias será viable e plenamente financiable. Contarase para elo coa participación do Banco Europeo de Inversións (BEI), do Instituto de Crédito Oficial (ICO), e a colaboración da Asociación Española da Banca (AEB) e a Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA).

Un plan que incluirá diferentes proxectos con diferentes volumes de inversión que posibilitarán a participación de empresas de distintos tamaños, fomentando a competencia, a especialización nas actividades concesionarias e a cooperación empresarial. Un novo modelo público-privado que sen dúbida establecerá o marco axeitado capaz de dar estabilidade ó financiamento das infraestruturas do presente e adiantar as do futuro, porque a realidade é a que é, e debemos aceptala e gobernar con responsabilidade.

Por elo debemos escapar da presión colectiva publicada de que en materia de infraestruturas temos que ter o mellor de todo, en tódolos sitios e no mesmo tempo, algo que nin os países máis ricos se poderían permitir. Pola contra, teremos que aproveitar e conservar ben o que xa temos e investir no que realmente é necesario, só así o debate será racional, moderno e de futuro. Só así teremos o que Galicia e os galegos necesitamos.

No hay comentarios: