Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

24 de marzo de 2010

Guerra de muller

Non se trata dunha equivocación, nin dun xogo de palabras, é un feito constatado e publicado que o pasado luns, 8 de marzo, na praza do Obradoiro, o Conselleiro de Economía, Sr. Guerra, celebraba o día da muller traballadora disfrazándose de “fregona global”, evidenciando unha vez máis o desprezo máis absoluto que no goberno de Feijóo teñen polas políticas de igualdade, e o que ven a ser moito máis grave o pouco respecto e consideración polo traballo da muller galega.

Esta sería unha noticia do máis ridícula e ferinte, de non estar superada pola propia xustificación que o Conselleiro veu a dar da súa “performance doméstica”, versión que non ten desperdicio, “el objetivo de tal acto era demostrar nuestro compromiso con la igualdad entre hombres y mujeres”. ! canta desfachatez e descaro !

Non estaba só o conselleiro, en presenza do propio Presidente, compartía escena coa Sra. Mato, exemplarizante Conselleira de Traballo, que non deixa de fabricar paradas en Galicia, a pesar de que hai uns meses fora noticia por promover e amparar o servilismo doméstico a tempo completo, sen contrato nin seguro. Unha das medidas innovadoras deste PP de Rajoy e Feijóo, para loitar contra o paro feminino e traballar pola equiparación salarial da muller.

A realidade feijooniana supera sempre a ficción esperpéntica dos seus conselleiros, Guerra e Mato, porque as súas políticas antisociais están adiantando pola dereita ás propias do seu padriño mentor Fraga, que no 1991 creaba o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Un organismo autónomo da Xunta de Galicia que ten entre os seus obxectivos a promoción da igualdade nos ámbitos familiar, laboral e político. No 2010 Feijóo, o seu alumno máis avantaxado, pretende agora suprimilo, e tamén paralizar a Lei 2/2007, de Igualdade no Traballo en Galicia, aprobada polo anterior goberno, sendo Conselleiro o lucense Ricardo Varela.

Vivimos tempos desafortunados e difíciles para Galicia, de crise económica, pero tamén de recortes sociais e merma nos dereitos, mentres o goberno do Partido Popular de Feijóo vive inmerso nun Entroido permanente de excesos, excentricidades e transgresións carnavalescas que imprimen o seu imaxinario político e sustentan un Goberno de ousados incapaces e inactivos mentireiros, onde pululan conselleiros como o disfrazado de Economía e a contratadora de Traballo, pero tamén outros tan ilustres coma o Conselleiro de Cultura que fala da “acomplexada cultura galega”, dende un concello chamado “Desván de los Monjes”. Mellor non seguir.

Señores todo vai ben, e Galicia tamén porque o Papa virá en novembro, segundo anuncia o arcebispo compostelán Xulián Barrio. No seu séquito arcebispal estiveron presentes en Roma, o Sr. Feijóo e a súa “colaboradora”. Asombrado me deixan estas “liberais” curias romanas polos seus, para nada disimulados, esforzos de superar o desfase monumental que existe entre os postulados dogmáticos da súa xerarquía episcopal, e os avances en dereitos e liberdades dunha sociedade moderna e civilizada. Queda dito e publicado, as “parellas de feito” dos prohomes da dereita que acoden ó Vaticano, fano en calidade de “colaboradoras”, amén. Señores todo vai ben, e senón, maloserá...

No hay comentarios: