Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

10 de diciembre de 2008

do noso mar

Hai 6 anos que o buque Prestige sufrira un accidente fronte ás nosas costas. Naquel intre, a falla evidente de medios, a inexistencia de protocolos de actuación e a incapacidade dos dirixentes políticos dos gobernantes populares fixeran que un accidente marítimo se convertise nunha das maiores catástrofes medioambientais de Europa.
Nunca se poderá esquecer e agradecer suficientemente o esforzo denodado de milleiros de voluntarias e voluntarios que xunto coas xentes do noso mar fixeron fronte coas súas maos e a súa decisión á catástrofe do Prestige.

Momento sen dúbida, seis anos despois, para o recordo agradecido e reafirmar o noso compromiso co mar galego, co seu medio mariño. Tanto pola súa propia riqueza pesqueira e marisqueira como polo que ten dado a Galicia de patrimonio ambiental, paisaxístico e cultural.

Con este novo goberno galego, os cidadáns somos sabedores do inmenso esforzo que se está a facer dende a Xunta que preside Emilio Pérez Touriño por recuperar ambientalmente o mar de Galicia, mesmo atendendo ó saneamento das rías como á recuperación da súa capacidade productiva pesqueira, marisqueira e acuícola. Actuación conxunta dun goberno orientada a través das consellerías de Pesca e Medioambiente.

Porque a protección integral das nosas costas e rías é e deberá ser sempre unha prioridade para calquera goberno socialista, e porque temos a seguridade que o valor global da seguridade está a ser un dos dereitos máis demandados e xustificados da cidadanía, a tódolos niveis, por iso neste mesmo ámbito estamos convencidos de que investir en seguridade marítima é investir no futuro de Galicia.

E por moito que se diga dende as bancadas do PP, noutra hora responsables directos daquela barbarie ecolóxica, moito, pero que moito ten mudado a seguridade marítima e a loita contra a contaminación mariña dende aquel fatídico ano 2002, dende o ano do Prestige.

Porque hoxe Galicia está mellor preparada e conta con máis e mellores medios humanos, técnicos e materiais para afrontar o risco dun accidente marítimo, algo que nunca se poderá evitar ó cen por cen, polas propias características da nosas costas e a intensidade do tráfico marítimo fronte a elas. Hoxe sí temos máis e mellores medios para chegado o caso atallar de raíz as consecuencias de calquera tipo de incidente marítimo.

Os Gobernos socialistas de Touriño e Zapatero traballaron arreo e deron un notable impulso a tódalas políticas de seguridade marítima e loita contra a contaminación mariña, así ten ocorrido coa aprobación primeiro dun Plan Ponte e logo máis tarde do Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2006/2009, cos que se está a inverter en Galicia máis de 200 millóns de euros nesta materia.

O remolcador Don Inda, o buque recolledor Urania Mella, o avión Rosalía de Castro, a mellora dos tempos de resposta do Helimer Galicia, a construcción dunha nova base de material de salvamento en Fene, a dotación dun equipo de mergulladores dispoñibles permanentemente nesta base, son algúns dos moitos novos elementos da aposta decidida e comprometida dos Gobernos da Xunta e de España para dotar a Galicia de máis e mellores medios para combater a contaminación e afrontar o salvamento no mar.

Seis anos despois podemos dicir que pasamos dunha capacidade de recollida no ano 2002 de 80 m3 de contaminantes mariños en toda España, a máis de 5.000 m3 só no caso de Galicia neste mesmo ano 2008, e que cando menos temos duplicado a nosa capacidade de tiro dos remolcadores instalados nas costas galegas.

Non todo está nin estará resolto ó cen por cen, pero neste caso os cidadáns galegos non temos por máis que sentirnos particularmente satisfeitos do resultado da cooperación entre o Goberno de España e o Goberno da Xunta de Galicia. Esta coordinación, unha peza clave na xestión dun accidente marítimo, está hoxe máis reforzada algo que está a mellorar a nosa resposta no caso dun novo, que non desexado accidente marítimo fronte ás nosas costas. Resultado é o propio Convenio de Colaboración co Goberno de España para a unidade de acción en situacións de emerxencia, e o primeiro Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia, aprobado no 2006, que nos permiten ter hoxe os suficientes instrumentos de colaboración e protocolos de actuación para continxencias marítimas en Galicia.

O material de loita contra a contaminación mariña é hoxe unha realidade nos portos de Vigo, Cambados, Ribeira, Corcubión, A Pobra do Caramiñal e na base de Gardacostas de Santiago de Compostela. Tamén no contexto europeo os avances son importantes, coa creación da Axencia Europea de Seguridade Marítima, e a entrada en vigor da prohibición da navegación para buques monocasco e no reforzamento das inspeccións en porto aos buques en tránsito polas costas europeas.

A pesares de todo o que se te feito, os socialistas sabemos que a seguridade é traballo de tódolos días, e consideramos que aínda quedan moitos e importantes retos por diante para mellora-la no ámbito marítimo e maximizar a loita contra a contaminación mariña.

Cremos que hai que seguir reforzando a formación das tripulacións e trasladar ao dereito comunitario as recomendacións da OIT (Organización Internacional do Traballo), consideramos imprescindible que a Unión Europea adopte o principio de “quen contamina paga” para o tráfico marítimo ao igual que xa o ten adoptado para a contaminación en terra, e que tamén sexa adoptado no seo da OMI (Organización Marítima Internacional) e avogamos porque a Axencia Europea de Seguridade Marítima ubique fronte ás costas de Galicia un buque anticontaminación ó igual que xa o ten feito no Mar do Norte ou na costa francesa, na portuguesa e no Estreito.

Todos somos conscientes do camiño percorrido e das melloras conqueridas, pero é tempo de apostar pola seguridade e comprometer o mellor dos nosos esforzos para seguir avanzando na seguridade marítima e na protección do noso mellor patrimonio natural, o mar de Galicia, o noso mar..

No hay comentarios: