Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

25 de noviembre de 2008

unha loita sen tregua



Hai catro anos aprobabamos a Lei Integral contra a Violencia de Xénero cun compromiso inequívoco do Goberno socialista coa cidadanía, e moi especial coas víctimas desta violencia, un compromiso que segue vixente e se cabe máis forte ca nunca. Un dereito básico a sentirse seguro, a non ter medo. Un dereito a sentirse libre, a ter unha vida digna, dereito a vivir.

A Lei estase a desenvolver día a día, e estase a notar no que afecta ás dotacións económicas e os medios materiais e humanos, que aumentaron considerablemente. Pero todo é pouco e será sempre pouco, unha lei como esta esixe tamén da complicidade social, porque para que unha norma legal sexa realmente efectiva ten que emanar da propia sociedade e impregnar coa súa esencia ó conxunto da cidadanía, pasando deste xeito a formar parte da súa propia memoria colectiva.

Toda a sociedade debe estar involucrada nesta profunda transformación, camiño da sensibilización, da seguridade, do máis rotundo rexeitamento, da prevención e mesmo da educación, para poder acabar co silencio e a complicidade que aínda moitas veces emanan da chamada violencia de xénero.

Neste mesmo ano estamos na obriga de render homenaxe ás persoas anónimas que en defensa deste dereito tan básico, máis aló da obrigada axuda solidaria, teñen anteposto a súa propia integridade física, e mesmo a vida, en defensa dunha muller maltratada. Homenaxe ós moitos homes e mulleres que tódolos días están nunha loita sen tregua por devolver a dignidade ás mulleres que, polo mero feito de selo, sofren da mentalidade posesiva e machista dos maltratadores, ás veces con risco da súa propia vida.

Homenaxe tamén ós que, sentindo a terrible inxustiza que para as víctimas supón a violencia de xénero, tentan cambiar estas mentalidades opresoras e represivas, dedicando moitos esforzos e traballo para acabar dunha vez por todas con esta lacra social, con total honestidade e dedicación, case nunca debidamente valorada.


Algúns coma Daniel Oliver, teñen nomes e apelidos e unha vida rota por defender a unha muller que estaba sendo maltratada en Valencia, ou Jesús Neira, que sufriu e sufre un longo proceso de recuperación trala brutal agresión recibida por saír na defensa dunha muller agredida en Madrid. Homenaxe a moitos outros, anónimos, pero que sabemos moi ben viven entre nós e seguen a traballar pola liberdade, dignidade e xustiza das mulleres víctimas da violencia de xénero. Son e serán sempre os referentes persoais, modelos a imitar, as nosas guías para acabar con tanta dor, medo e sufrimento e así recuperar definitivamente o distintivo persoal e humano dunha cidadanía libre, igual, digna, en plenitude de dereitos.

É día tamén de esixir ós distintos gobernos toda a súa implicación e compromiso co desenvolvemento desta Lei Integral de Medidas Urxentes conta a Violencia de Xénero, e moi especialmente demandar de tódolos gobernos autonómicos e locais a colaboración total para poñer a disposición das mulleres maltratadas tódolos recursos posibles e necesarios, creando así unha rede integral de asistencia e apoio ás víctimas de maltrato en todo o territorio español e sendo implacables cos maltratadores.

Quizás avancemos cando todos nos sintamos responsables na solución e comprometidos na construcción de novos modelos sociais onde muller e home sexan tratados por igual.

No hay comentarios: