Alba de Groria (Castelao)

Miñas donas e meus señores:
Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas dentrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

16 de septiembre de 2008

pensións mínimas

O Presidente Zapatero anunciaba nestes días que as pensións mínimas subirán de novo un 6 por cento, tamén en tempos de crise. Cumpre o seu compromiso de mellora-las pensións mínimas tódolos anos, cando a economía vai ben, e tamén agora, cando as cousas van mal, porque precisamente nos momentos difíciles é cando as medidas sociais se fan máis necesarias que nunca.
Estamos cun goberno que prioriza e mantén os seus compromisos de non recorta-las prestacións sociais para atalla-la crise, proposta capital da dereita que de gobernar conxelaría, sen complexos nin tapuxos, pensións, salarios e prestacións. Porque coa limitación de gasto público do 2% que propuxo Rajoy, entre outras cousas, non se poderían subi-las pensión mínimas como se fará en xaneiro.
Os socialistas temos unha vontade política inequívoca de gobernar para os que máis o necesitan, tanto co vento a favor como en contra, porque cando máis dificultades hai é cando máis temos que axudar ós que menos teñen. Non da igual quen goberne porque nada de certo hai en dicir que tódolos partidos sonche o mesmo. Por iso tamén dende o goberno galego se ten aprobado un Decreto que contribuirá cunha paga única de 200 €uros a tódalas pensións non contributivas (son as máis baixas), beneficiando a máis de 50.000 pensionistas en Galicia.

Vimos dunha lexislatura onde se ten producido a maior subida de pensións da democracia, as mínimas máis dun 30 por cento nos catro últimos anos, e a nosa pretensión é que nos próximos catro, a subida supere o 25%, para que a pensión mínima da calquera cidadán español e galego, con cónxuxe a cargo, non baixe dos 850 €uros mensuais.
Para valorar en profundidade estas medidas, convén pararse na foto fixa e facer un saudable exercicio de comparación que nos sitúe na realidade, fóra da demagoxia interesada dalgúns dirixentes do PP, que practican a teoría de canto peor, mellor. Hoxe as pensións mínimas (con cónxuxe a cargo maior de 65 anos) están en 659 €, 175 máis que no 2004, e as de viuvedade con cargas familiares en 615 €, 232 máis tamén que no 2004. Sobran as palabras, os datos falan por si mesmos.
Mentres a dereita do PP pide recortes sociais e flexibilidade laboral como remedio á crise económica, as prioridades deste goberno son en palabras do seu Presidente (Rodiezmo, sept-2008), “seguir adelante con las prestaciones sociales, las medidas de apoyo a las familias y las empresas, las políticas en favor del empleo y la lucha contra el paro y las desigualdades”.
Durante catro anos conseguimos avances sen precedentes na mellora da protección social e o benestar. Avances ben coñecidos por todos, aumentos nas pensións e o Salario Mínimo, creación do sistema nacional da dependencia, axudas por fillos ás familias, gratuidade da educación de tres a seis anos, Renda Básica de Emancipación para xoves e programa de saúde bucodental infantil, entre outros.
Decisións e medidas que representan un grande esforzo de solidariedade e son garantía de cohesión e convivencia; decisións e medidas que hai que manter e consolidar, máis se cabe, en momentos duros e complicados como os que estamos a vivir. Por iso debemos afondar nestas medidas e seguir avanzando en materia de pensións e salarios, na atención a dependencia, no número e cuantía das becas, nas vivendas de promoción pública, no ensino infantil de cero a 3 anos, e nas axudas directas ás familias e cobertura do desemprego.
Porque as políticas sociais e de apoio ás familias responden ó principio básico deste Goberno de que as dificultades non poden nin deben sufrilas en maior medida os cidadáns que se atopan nunha posición máis feble e vulnerable, tratase de asumir dende os poderes públicos un imperativo de solidariedade social incuestionable, que sen dúbida actuará de rede protectora fronte ás consecuencias inmediatas dunha conxuntura adversa derivada do estancamento económico actual.

No hay comentarios: