Na última reunión en Zaragoza da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), neste mesmo mes de setembro, víñase de aprobar unha resolución unánime sobre a futura negociación da reforma do modelo de financiamento local.
O partido e goberno socialistas teñen manifestado publicamente o seu compromiso de asumir todas e cada unha destas propostas encamiñadas a garantir un novo modelo financeiro e permitir que os concellos poidan ter unha economía suficiente e axeitada ás súas necesidades, e tamén para que este acordo se leve adiante ó mesmo tempo que a reforma da financiación autonómica, porque así poderase garantir a participación dos concellos nos ingresos das respectivas Comunidades Autónomas.
Neste proceso resulta imprescindible a unidade de tódolos municipalistas, da cor política que sexa, en torno a unhas propostas elaboradas e aprobadas pola FEMP. Tamén require unha resposta institucional, dende a lealdade e o compromiso, por parte dos Ministerios de Economía e Facenda, Administracións Públicas e, como non, os dezasete Gobernos autonómicos. Un compromiso económico para garantir a actividade, a prestación de servicios e o pleno exercicio das responsabilidades públicas de carácter municipal.
Un acordo que estaría vixente a partir de 2010, pero que debería asegurar a suficiencia no vindeiro exercicio presupostario 2009, no relativo á súa participación nos tributos do Estado. Con toda seguridade haberá que incorporar recursos adicionais para os concellos do mesmo xeito que se ten feito para as Comunidades Autónomas.
Unha vez pechado este proceso, o acordo debería contar cunha continuidade no tempo para determinar tamén a participación dos entes locais nos ingresos propios das CC.AA. , e así poder avanzar no proceso que algúns chamamos da segunda descentralización, e desenvolver os respectivos pactos locais dos diferentes territorios.
Necesario consenso parlamentario e político, tamén para aprobar un Estatuto do Goberno Local que recoñeza un novo marco de competencias reais e respecte os principios básicos e irrenunciables de igualdade, equidade, suficiencia financeira e autonomía municipal.
Consenso ás veces difícil de acadar, polo excesivo partidismo do PP, primeiro partido da oposición, como puxo de manifesto hai uns días na Cámara Alta, defendendo unha moción contraria o acordo logrado por unanimidade na FEMP, de que a negociación do financiamento local fose aparellada e vinculada á negociación do novo sistema de financiamento autonómico.
Chegando incluso á incoherencia política de creación dunha nova comisión de Política Financeira Local, cando o que pretende a federación de municipios, cos concellos do PP tamén, é unha participación de pleno dereito na Comisión Económica, Fiscal e Financeira xa existente, apelando a un criterio compartido de que os concellos tamén son Estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario